Seiscentos escolares de Tomiño inícianse na práctica do remo a través do programa transfronteirizo “Náutica para todas as persoas” Promovido pola Associação da Juventude de Cerveira e Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade, foi unha das accións escollidas no OPT 2018

Achegar á mocidade ao río ao tempo que se fomenta a actividade deportiva, o lecer inclusivo e saudable e a unidade transfronteiriza. Estes son os obxectivos do proxecto ‘Náutica para todas as persoas’, unha iniciativa promovida pola Associação Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira (ADCJC) e a Asociación de Persoas con Discapacidade “Vontade”, de Tomiño, é unha das propostas gañadoras do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) 2018.

Este proxecto vén de rematar a súa segunda fase, na que 600 alumnos e alumnas de cinco centros de educación primaria (CEIP Barrantes, CEIP Pintor Antonio Fernández, CEIP Pedro Caselles Beltrán CEIP de Sobrada e CEIP Plurilingüe de Tebra) e do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño iniciáronse na práctica do remo durante os meses de outubro e novembro.

A proposta busca a divulgación da actividade física e a promoción entre a mocidade de ambas beiras do Miño do remo como un deporte completo, polo que tras este primeiro contacto co alumnado dos centros educativos tomiñeses esta iniciativa desembarcará en Cerveira e achegará este deporte a outros 600 estudantes de entre 8 e 18 anos.

Para esta actividade, a Associação Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira leva ergómetros (simuladores de remo) aos centros educativos para que os alumnos e alumnas poidan experimentar este deporte en presenza dun monitor especializado.

Torneo da Amizade

A actividade rematará coa celebración a vindeira primavera do ‘Torneo da Amizade’, unha competición na que participarán os tres mellores alumnos e alumnas de Cerveira e de Tomiño por idade e xénero, elixidos tras unha fase clasificatoria previa.

Na primeira fase deste proxecto, a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade organizou durante os meses de xullo e setembro actividades de turismo e deporte inclusivo con xornadas de navegación que tiveron como punto de partida o pantalán adaptado de Goián, no Espazo Fortaleza, nas que participaron 200 persoas con mobilidade reducida.

Vota no OPT 2019

O Orzamento Participativo Transfronteirizo forma parte da Axenda Estratéxica de Cooperación Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea. Nestes intres están abertas as votacións para a edición de 2019, nas que toda a cidadanía de Cerveira e Tomiño poderá elixir ata o vindeiro 16 de decembro aquelas dúas iniciativas que máis lles gusten entre as seis presentadas a esta edición do OPT. Os dous proxectos máis votados pola veciñanza serán os que se desenvolvan ao longo do vindeiro ano.