Sete medallas para os Teixugos na 3ª Copa Galega de Slálom

Sete medallas para os Teixugos na 3ª Copa Galega de Slálom O club participou cun total de oito deportistas

Fin de semana de éxito para o Club Deportivo Miño-Teixugos, que participou con oito deportistas na 3ª Copa Galega de Slálom e no Campionato Galego de Novas Promesas, nos que remataron cun total de sete medallas. Dobre competición a celebrada en augas do río Coura, en Covas, en Vila Nova de Cerveira no que houbo ademais unha demostración amigable de caiac extremo, que será a nova modalidade dos Xogos Olímpicos de París en 2024.

Ao campionato de novas promesas, no que participan os deportistas máis novos de cada club, os Teixugos acudiron tan só con dous piragüistas. En K1 cadete,  Adrián Lluch, que logrou o terceiro mellor tempo da categoría e a medalla de bronce, e o seu compañeiro, Rui Malheiro, que rematou noveno na mesma categoría.

Pola súa banda, na 3º Copa Galega de Slálom a participación foi máis numerosa, cun total de oito deportistas. Nas categorías masculinas, en K1 veterano, Emilio Rodríguez foi o gañador da proba, mentres que en K1 sénior Brais Castro rematou cuarto, a décimas de segundo do podio Ademais, en K1 júnior, Alexis Segadaes, gañou a medalla de prata e, na mesma categoría, Adrián Lluch foi sétimo e Rui Malheiro décimo cuarto. En C1 sénior, Luís Fernández gañou a proba, e o seu compañeiro Brais Castro foi terceiro.

Nas categorías femininas, Laura Alonso rematou terceira en K1 sénior e Ainhoa Barreiro foi segunda en K1 e primeira en C1.

Moitos parabéns por esas tres medallas de ouro para Luís, Emilio e Ainhoa; dúas de prata para Ainhoa e Alexis; e dúas de bronce para Brais e Laura, que fan un gran balance final para o Club Deportivo Miño-Teixugos na xornada. Na clasificación por equipos acadaron o segundo lugar cun total de 145 puntos, compartindo podio co Montaña Quixós de Monforte con 149 e o Club Penedo de Tui con 142.