Todo listo para licitar as obras do Camiño Escolar Seguro a carón do colexio Pedro Caselles de Tomiño A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a alcaldesa, Sandra González, asinan o convenio para o cofinanciamento da senda peonil de 400 metros

O convenio que converterá en realidade o Camiño Escolar Seguro da estrada provincial EP-3102 nas inmediacións do colexio Pedro Caselles, en Tomiño, deu o último paso antes da licitación das obras. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a alcaldesa, Sandra González, asinaron o convenio dunhas obras valoradas en 286.235 euros nas que a Deputación asumirá o 70 % do importe (200.364 euros) e o concello do Baixo Miño asumirá o 30 % restante (85.870 euros).

A actuación finaliza deste xeito a súa tramitación administrativa previa á licitación, que se efectuará deseguido. O proxecto, elaborado pola Deputación, ten como obxectivo acondicionar o tramo de 400 metros que vai desde o comezo da estrada provincial, no p. q. o+000 ata o p. q. 0+400 no contorno deste centro educativo e da igrexa de Santa María de Tomiño e o cemiterio, unha zona con forte presión peonil ao dar acceso a estes equipamentos. Coas obras proxectadas garantirase a seguridade viaria ao tempo que se melloran algúns servizos de titularidade municipal. Deste xeito adaptarase a rede de drenaxe de augas pluviais, renovarase completamente a iluminación e soterraranse os servizos de electricidade e telecomunicacións.

A nova senda peonil terá un ancho variable, pero non será inferior en ningún punto aos 3,80 metros. Está deseñada pola marxe dereita da vía e mantén a tipoloxía xa existente na EP-3104 para enlazar coa avenida do Baixo Miño. As obras inclúen tamén a renovación do pavimento dos dous carrís de circulación existentes. A actuación significa, ademais, a transferencia ao Concello do mantemento deste tramo, unha vez rematadas as obras. A EP-3102 ten unha lonxitude total de 19,7 Km e comunica Tomiño con Sabarís. Neste primeiro tramo ten unha intensidade media diaria de circulación de preto de 2.500 vehículos.

Con esta nova actuación, a Deputación leva investidos máis de catro millóns de euros en obras de mellora da rede provincial de estradas ao seu paso por Tomiño desde que se produciu o cambio no Goberno provincial no verán de 2015. Entre as obras xa realizadas destaca a Variante de Tomiño (conexión entre a PO-3102 e a PO-344 ao paso polo núcleo urbano de Seixo), con máis de 2,8 millóns de euros, así como a mellora da seguridade viaria coa rotonda da EP-3101 en Tebra-Cristelos, con outros 131.441 euros. Neste tempo, a Deputación executou seis pasos de peóns elevados e 25 lombos (redutores físicos de velocidade) ao abeiro do Plan Móvese, de seguridade viaria, e investiu 280.000 euros en conservación de pavimentos.