Tomiño abre as inscricións para a súa Semana da Educación O Concello organiza catro conferencias do 7 ao 10 de febreiro para “transformar a sociedade educando en diversidade”

O Concello de Tomiño volve a apostar pola educación para un mundo mellor cunha nova edición da súa Semana da Educación. Será do 7 ao 10 de febreiro no Auditorio de Goián e contará con catro conferencias para que docentes, persoas educadoras en xeral e pais e nais en particular acudan a informarse e formarse en diferentes temáticas relacionadas coa educación.

A alcaldesa, Sandra González, explica que este ano “queremos que a Semana da Educación nos axude a transformar a sociedade educando en diversidade” e anima a veciñanza e aos e ás profesionais da educación da comarca a asistir a un evento totalmente gratuíto e ao que se poden inscribir a través da web do Concello. O Concello tamén ofrece un certificado de asistencia para todas as persoas que o desexen.

A Semana da Educación comezará o 7 de febreiro ás 19.00 horas coa charla “Ensinar dende o cerebro de quen aprende” do doutor en Ciencias da Educación, José Antonio Fernández Bravo. O experto reflexionará sobre os principios, motivos e resultados que amosaron dabondo a súa valía e hai que manter na educación, así como das costumes de dubidoso acerto que debemos esquecer.  A súa exposición estará centrada “en que ensinemos como os nenos e nenas aprenden, xa que… Como é posible a atención á diversidade sen unha diversidade de atencións?”

O 8 de febreiro ás 19.00 horas subirá ao escenario Maitane Alonso Monasterio, investigadora, co-fundadora de Innovating Alimentary Machines e estudante de medicina, para falar de como pasar da curiosidade á realidade, pasando pola educación. A súa charla  “1+1≠2” tamén tratará de responder a que facer cando temos unha idea que cremos que ten potencial para crear un impacto positivo na sociedade.  Maitane Alonso atópase no Ranking dos 120 Future Leaders iberoamericanos de LlyC. Tamén recibiu o premio “Hipatia” ao talento xove na ciencia outorgado por El Economista, o premio “Mujer Inspiración Revelación” de Insparing Girls, así como diversos premios en certames nacionais e internacionais de investigación, como o premio especial Intel ou o premio da Societat Catalana de Bioloxía. Forma parte da lista “Las Otras 100 Fortunas” de Forbes 2021 e a lista 50 NEXDT de 50 Best of the World.

O 9 de febreiro será a quenda de da doutora en matemática pola Universidade de Sevilla, Clara Grima. A divulgadora presenta a conferencia “En busca do garfo perdido”, que tratará sobre como un garfo, se nos achegamos un chisco máis e observamos con cariño e paciencia, é un obxecto matemático fascinante cunha chea de aplicacións sorprendentes, que serven para analizar as redes sociais, deseñar unha liga de fútbol ou organizar un banquete de voda. E sempre do xeito máis eficiente. E divertido. Grima explica as persoas que queiran asistir que “nesta charla imos amosar como estas ferramentas, en aparencia moi sinxelas, teñen un potencial impresionante para modelar situacións e conflitos cotiáns e resolvelos de forma óptima. Só hai que ser curiosa e saber usar algo no que, de momento, no nos gañan os ordenadores: intuición e sentido común”.

A Semana da Educación rematará o 10 de febreiro ás 19.00 horas coa charla “Educar dende a mesa”, de Julio Basulto, dietista-nutricionista e autor de varios libros sobre nutrición. Chegará a Goián para falar de “como compartir a mesa coas nosas fillas e cos nosos fillos é moi importante para mellorar a súa saúde”.  Para o experto este momento e “moito máis do que acostumamos a crer”, e na súa conferencia  detallará os múltiples beneficios que exerce comer coa nosa prole sobre a súa saúde física e emocional, e compartirá estratexias para que ese momento se converta nun espazo de aprendizaxe (por parte de persoas adultas e menores) e, sobre todo, amor.