Tomiño abre as inscricións para participar desfilando no ‘Venres de Foliada’

Tomiño abre as inscricións para participar desfilando no ‘Venres de Foliada’ As agrupacións interesadas en participar poderán anotarse ata o 6 de febreiro a través da sede electrónica do Concello

O desfile será o 17 de febreiro ás 21.30 horas dende o CEP Pedro Caselles ata A Pedra pola rúa Gondomar

O Concello de Tomiño recupera a normalidade este entroido para poder desfrutar do seu tradicional ‘Venres de Foliada’. As agrupacións interesadas en participar no desfile, que se celebrará o vindeiro 17 de febreiro, poden inscribirse a través da sede electrónica do Concello dende hoxe mesmo ata o luns 6 de febreiro.

A alcaldesa, Sandra González, convida a todas as entidades e á veciñanza a participar na celebración do tradicional entroido “enchendo de ilusión, cor e diversión as rúas de Tomiño”. As treboadas tomiñesas serán as encargadas de abrir o desfile, que sairá ás 21.30 h dende o CEP Pedro Caselles e percorrerá a rúa Gondomar para rematar na Pedra. En caso de choiva ou de que as condicións meteorolóxicas non permitan realizar o desfile ese día, a actividade trasladarase ao venres 24 de febreiro.

A participación está aberta a todas as asociacións veciñais, culturais, xuvenís, grupos e colexios que se presenten, aínda que terán preferencia para participar as comparsas ou grupo do concello de Tomiño. Haberá entre 10 e 20 comparsas participantes que deberán estar formadas por un mínimo de 15 compoñentes e con carrozas que non excedan os 8 metros de longo, os 3,5 m de ancho e os 4,5 m de alto, sempre sen cabalos.

En caso de que máis de 20 comparsas soliciten participar no ‘Venres de Foliada’ unha comisión técnica avaliará as propostas presentadas e escollerá as de maior puntuación tendo en conta o concello de procedencia, o número de compoñentes e a descrición da comparsa, atendendo á súa temática, orixinalidade, posta en escena, iluminación e son, valores sociais e culturais…

O Concello compensará economicamente ás comparsas que participen. As que teñen entre 15 e 30 compoñentes e non levan carroza recibirán 100 euros; as que teñen entre 21 e 45, tamén sen carroza, 150 euros; e as que teñan máis de 46 compoñentes e non leven carroza recibirán 200 euros. Esa mesma cantidade recibirán as de entre 15 e 40 compoñentes e que leven carroza. As comparsas de 41 a 60 compoñentes e con carroza recibirán 300,00 €; as que teñen entre 61 e 80 e carroza, 400 euros; e, por último, as que conten con máis de 81 compoñentes e teñan carroza recibirán 500 euros.