Tomiño abre as inscricións para participar no desfile, “Venres de Foliada” O Concello establece un mínimo de 10 comparsas inscritas para que se leve a cabo e as agrupacións poden apuntarse dende o luns 24 ata o 31 de xaneiro a través da sede electrónica do Concello

O Concello de Tomiño volverá organizar este ano, se a situación sanitaria o permite, o seu tradicional desfile de comparsas “Venres de Foliada”. Será o 25 de febreiro e as agrupacións interesadas en participar poden inscribirse a partir do luns 24 ata o 31 de xaneiro a través da sede electrónica do Concello. A alcaldesa, Sandra González, quere animar a veciñanza “a participar para volver encher de ilusión e diversión as nosas rúas”, e lembra que o “Venres de Foliada” “vaise organizar, como facemos sempre, priorizando as medidas de seguridade”. 

A participación está aberta a todas as asociacións veciñais, culturais, xuvenís, grupos e colexios que se presenten, aínda que terán preferencia para participar as comparsas do concello de Tomiño. Deberán estar formadas por un mínimo de 15 compoñentes, as carrozas participantes non poderán exceder dos 8 metros de longo, 3,5 de ancho e 4,5 de alto e non se admitirán as que leven cabalos. 

O Concello compensará economicamente ás comparsas que participen. As que teñen entre 15 e 30 compoñentes e non levan carroza recibirán 100 euros, as que teñen entre 21 e 45, tamén sen carroza, 150 euros, e as que teñan máis de 46 compoñentes e non leven carroza recibirán 200 euros. Mesma cantidade que a que recibirán as de entre 15 e 40 compoñentes e leven carroza. As comparsas de 41 a 60 compoñentes e con carroza recibirán 300,00 €, as que teñen entre 61 e 80 e carroza, 400 euros, e, por último, as que conten con máis de 81 compoñentes e teñan carroza recibirán 500 euros. 

Para que o “Venres de Foliada” se celebre deberán participar un mínimo de 10 comparsas. O Concello tamén establece un máximo de 20. Polo que, en caso de que se supere este número de inscricións, establécese unha comisión técnica de avaliación que determinará, tendo en contas os criterios de puntuación das bases, que comparsas participarán.

BASES VENRES DE FOLIADA