Tomiño abre as páxinas da creatividade cun obradoiro para facer fanzines dende cero

Foto de Manu Suárez, cortesía do CGAC

Tomiño abre as páxinas da creatividade cun obradoiro para facer fanzines dende cero

O Concello organiza no mes de xuño un taller práctico no Espazo Isaura Gómez no que as e os participantes aprenderán a crear a súa propia autopublicación

Tomiño converterase este mes de xuño nun pequeno laboratorio de autoedición co obradoiro de fanzines da OMIX, unha proposta pensada para explorar a creatividade a través dun dos formatos máis libres e alternativos da cultura contemporánea. O taller desenvolverase os venres 5, 12, 19 e 26 de xuño en horario de 18.00 a 20.00 horas no Espazo Isaura e permitirá ás persoas participantes aprender todo o proceso de creación dun fanzine: desde a idea inicial ata a elaboración manual da publicación final.

Durante as sesións dirixidas por Diego Estebo traballarase a elección da temática, a elaboración de bosquexos, a distribución dos contidos e a creación de textos e ilustracións, utilizando materiais sinxelos como lapis, rotuladores, tesoiras, pegamento e papel. Ao remate do obradoiro, cada participante levará consigo unha copia do seu primeiro fanzine e tamén o orixinal artesanal para poder reproducilo posteriormente.

A actividade está aberta a persoas afeccionadas aos cómics, á música, á literatura, á arte urbana ou a calquera outra expresión creativa, sen necesidade de contar con coñecementos previos nin ferramentas dixitais.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “este tipo de iniciativas permiten ofrecer á mocidade espazos reais de expresión e creación, fomentando a participación cultural desde formatos libres, accesibles e moi vinculados á creatividade xuvenil”. A rexedora sinalou ademais que “os fanzines forman parte dunha cultura alternativa que segue moi viva e que conecta perfectamente coa necesidade da mocidade de contar, compartir e crear as súas propias historias”.

O taller terá un prezo de 20 euros e contará con prazas limitadas. As inscricións xa poden realizarse a través da web municipal.