Tomiño achega os clásicos a toda a familia con humor e case sen palabras Será co espectáculo ‘Quixote’, da compañía Pedras de Cartón, que chega este domingo 23 ás 17.30 h ao auditorio de Goián

Tomiño continúa coa súa programación cultural, unha oferta de actividades de calidade para pequenos, pequenas e maiores e que esta fin de semana cede o escenario a un dos clásicos da literatura. Este domingo 23 de outubro a compañía Pedras de Cartón chegan ao auditorio municipal de Goián cos seu particular ‘Quixote’, un espectáculo para achegar os clásicos a toda a familia con humor, case sen palabras e cunha estética inspirada no pallaso clásico e moi próxima ao clown.

Co seu segundo espectáculo, Pedras de Cartón afronta o texto de Cervantes, un dos máis coñecidos da literatura española, en clave de comedia para afrontar as escenas máis icónicas da novela e a relación antagónica entre Quixote e o seu escudeiro Sancho Panza. Un velocípedo no que vai montado Quixote será Rocinante e o triciclo cargado de maletas no que estará montado o escudeiro será o peculiar Rucio, o asno de Sancho. No fondo un pano cubrirá o escenario e sobre el xogaranse as escenas de día e de noite.

A alcaldesa, Sandra González, convida a todas as familias desfrutar este domingo deste peculiar ‘Quixote’, “que permite achegar aos nosos nenos e nenas aos clásicos da nosa literatura dun xeito ameno e divertido”. A rexedora resalta que o espectáculo gañou por unanimidade o Premio Certame Barroco Infantil no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro 2021 polo enxeño da mímica, a mestría e o oficio dos actores para conectar co público e a orixinalidade da música do espectáculo, perfectamente ensamblada coa historia e os personaxes.

A función comezará ás 17.30 horas e as entradas terán un prezo de 3 euros para persoas adultas e de 1,5 euros para menores de 12 anos.