Tomiño acolle a 2ª reunión sobre turismo transfronteirizo co fin de redactar unha axenda de coñecemento, divulgación e promoción da competitividade do sector Entre os obxectivos está tamén o de organizar unhas xornadas sobre o tema, no marco da Eurocidade

As sesións están dinamizadas pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER), constituída polas universidades da Coruña, Minho, Porto, Santiago de Compostela, Trás-os-Montes e Alto Douro, e Vigo, e contan coa colaboración do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC).

O Salón de Plenos do Concello de Tomiño acolleu onte a segunda reunión do grupo de traballo sobre turismo transfronteirizo que xunta técnicos, empresas e entidades da Eurocidade Cerveira-Tomiño, propiciando o contacto entre diferentes actores turísticos para tratar as distintas problemáticas do sector baixo un enfoque transfronteirizo, buscando avanzar nun diagnóstico común en termos de relevancia, potencialidades e necesidades do turismo no territorio.

A proposta enmárcase na Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, cofinanciada ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea, e persegue, entre outros obxectivos, promover un maior coñecemento sobre o sector do turismo local e dinamizar o potencial económico da Eurocidade.

O grupo de traballo, constituído o pasado 30 de outubro, pretende desenvolver unha axenda de coñecemento, divulgación e promoción da competitividade do sector turismo coa intención de definir o programa dunhas Xornadas de Turismo a celebrar a comezos do 2019 en Vila Nova de Cerveira. Ata agora teñen participado máis de 30 persoas en representación do empresariado local; asociacións cívicas, comerciais e culturais, ademais de técnicos municipais de turismo, desenvolvemento local e cooperación transfronteiriza. Asistiron tamén a concelleira de Cultura de Cerveira, Aurora Viaes, e os responsables de Turismo e Promoción económica no goberno municipal de Tomiño, Fátima Rodríguez e Antonio Tartaglione, respectivamente.

As sesións están dinamizadas pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER), constituída polas universidades da Coruña, Minho, Porto, Santiago de Compostela, Trás-os-Montes e Alto Douro e Vigo, e contan coa colaboración do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC).