Tomiño acolle unha estudante alemá en prácticas durante tres meses A estancia é posible grazas a un convenio entre a Universidade de Kehl e o Concello

Jessica Schröeder chegará ao Concello de Tomiño a vindeira semana desde Alemaña. Esta estudante universitaria da carreira de Administración Pública, realizará as súas prácticas no Concello de Tomiño, a través dun programa europeo.

No marco dos seus estudos de Administración Pública na Universidade de Kehl (Alemaña), a estudante elixiu realizar as súas prácticas obrigatorias no Concello de Tomiño, aproveitando a existencia dun convenio de colaboración entre ambas as entidades. Contribuíron tamén na súa escolla, as boas referencias de Anja, a primeira estudante alemá que traballou no Departamento de Cultura tomiñés durante tres meses do ano 2016.

As áreas de traballo no Concello, concretamente, no Departamento de Cultura e Información Xuvenil, son moi diversas, polo que Jessica terá a oportunidade, durante tres meses, de adquirir experiencia laboral, e ao mesmo tempo, perfeccionar o seu dominio do idioma español e tomar contacto co idioma galego.