Tomiño acondicionará a vía de acceso á praza de San Salvador de Tebra A actuación ampliará as zonas de uso peonil, creando unha beirarrúa accesible de dous metros e medio con árbores ornamentais

O Concello de Tomiño levará a cabo obras de reforma e acondicionamento na vía de acceso a San Salvador de Tebra, que conecta a estrada PO-344 coa praza principal da parroquia. Esta mañá estiveron visitando o lugar a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez Calvo, e o arquitecto encargado do deseño, Xavier Pousa, onde se reuniron con varios veciños para ensinarlles o proxecto.

A intervención suporá unha renovación completa do tramo, procurando darlle coherencia coa urbanización da praza situada nas inmediacións da igrexa e do Centro Cultural, empregando materiais similares aos utilizados neste espazo. A actuación facíase necesaria para acondicionar un espazo que levaba acumulando un notable deterioro, especialmente no pavimento das zonas peonís. O proxecto formula unha modificación na sección da vía, actualmente formada por dous carrís para tráfico rodado e beirarrúas a ambos lados, mais que contan cun ancho bastante reducido. A intervención procurará ampliar as zonas de uso peonil e reducir a de uso rodado, pasando a ter a calzada 5,30 metros de ancho fronte aos 6,90 actuais, o que permitirá reducir a velocidade dos vehículos pero mantendo a dobre dirección.

O espazo restante irá destinado ao uso peonil, distribuído en dúas beirarrúas: unha de un metro de ancho no marxe esquerdo e outra de 2,5 metros, cumprindo deste xeito a última coa normativa de accesibilidade. Na beirarrúa máis ancha, situada na marxe dereita, o alumeado público irá acompañado de árbores de tipo ornamental. Toda a vía estará á mesma altura, facéndoo completamente accesible, empregando aglomerado asfáltico para o pavimento rodado e formigón pulido coloreado para as zonas peonís.

O proxecto atópase pendente de adxudicación e conta cun orzamento base de 107.366,02 euros, que serán será financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020.