Tomiño adhírese á rede galega “Praias sen Fume” apelando á responsabilidade cidadá O Concello pon en marcha unha enquisa online para coñecer a opinión da veciñanza sobre o tema

O Concello de Tomiño vén de adherirse á rede galega de PRAIAS SEN FUME. Por este motivo, o areal da praia fluvial de Goián manterase a partir de agora libre de cabichas e de malos fumes. A medida ten, sobre todo, un fin educativo e de sensibilización social, razón pola que non haberá sanción polo incumprimento. “Xa que non pretendemos recadar, senón educar e concienciar, non sancionaremos, apelando en todo caso á responsabilidade  cívica de cada persoa”, explican dende o Concello.

A medida busca evitar, ademais da evidente molestia para as persoas non fumadoras, o feito de atoparse con cabichas na área, ou que as nenas e os nenos vexan natural o feito de fumar diante deles, normalizando un hábito prexudicial para a saúde. 

Paralelamente á toma da decisión, o Concello convida á cidadanía a realizar unha enquisa co fin de coñecer a súa opinión respecto do tema (https://forms.gle/hDvbfTZSJQCZqZA26).

“Toda prohibición acostuma xerar enfrontamento na opinión pública; non é o que pretendemos e por iso nos interesa coñecer a opinión das persoas que utilizan a praia de Goián”, comentan.