Tomiño adxudica obras por valor de 250.000 euros para a ampliación da área de preferencia peonil A intervención alcanzará á rúa da Feira e ao parque do mesmo nome e vén a sumarse ás obras levadas a cabo na Praza do Seixo e rúas da contorna co fin de crear un espazo público para desfrute da cidadanía

O Concello de Tomiño vén de adxudicar as obras de “Integración do Campo da Feira no espazo público peonil do núcleo do Seixo”.

A intervención, cun orzamento de 250.000 euros, tratará de dar continuidade á contorna da Praza do Seixo coas rúas Gondomar e da Feira e co Campo da Feira, coa ampliación da actual  área de preferencia peonil.

Con este fin, na rúa da Feira, ampliarase a beirarúa a 3,50m, dotándoa de arbolado e bancos, e ascendendo a mesma nun plano inclinado ata acadar cota co Campo da Feira, e tratándose a rúa Santa María de Oia como unha prolongación do parque.

“O obxectivo é priorizar a accesibilidade peonil no núcleo urbano e renovar a instalación de iluminación e mobiliario, acordes coas características da nova intervención”, explica o concelleiro de Facenda, Planificación Estratéxica e Acción Urbana, Uxío Benítez.

O Campo da Feira é un parque urbano que se atopa moi preto da Praza Do Seixo. A súa comunicación con esta dáse a través da rúa da Feira, que se atopa urbanizada con beirarrúas estreitas e de difícil accesibilidadade para oes peóns.

Por outra banda, o Campo da Feira atópase pechado cun muro de contención de granito sobre o que descansa unha balaustrada tamén de granito, que fan deste parque un espazo separado do núcleo do Seixo. Polo tanto, a finalidade das obras será crear un entronque coa rúa Gondomar seguro para os peóns, contribuíndo a unir a parte este é oeste do núcleo. Ou dito doutro modo, achegar o Campo da Feira ao casco urbano, integrándoo no espazo público peonil da Praza do Seixo, e mellorar a súa accesibilidade e a súa integración; abrir máis o parque ao espazo urbano favorecendo a percepción deste, e integrando a rúa Santa María de Oia como unha parte máis do espazo público de esparcemento, incrementando a mobilidade e a seguridade peonil.

A intervención, que comezará en breve, vén a sumarse ás obras levadas a cabo na Praza do Seixo, rúas A Guarda, O Rosal, Colón, Camiño do Alivio e República Arxentina, co fin de crear un novo espazo público para desfrute da cidadanía, e complementado coa construción da nova avenida Baixo Miño, que logrou desviar o tránsito pesado e reducir o paso de coches polo casco urbano.

Vistas de como quedará a zona tras a intervención: