Tomiño afonda na represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36

Tomiño afonda na represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36 A xornalista e escritora Montse Fajardo dará unha charla na que abordar este tema o vindeiro venres 10 de marzo ás 19 h no Mercado de Tomiño

Tomiño volve lembrar a súa memoria histórica. Ao abeiro da programación do 8M, o Mercado de Tomiño acolle este venres 10 de marzo unha charla interesante coa xornalista e escritora Montse Fajardo, na que afondará co público asistente na represión vivida polas mulleres tras o golpe de Estado do 26.

Técnica de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, Fajardo achegará ás e aos participantes neste encontro a unha realidade na que as mulleres foron as grandes esquecidas, malia ter recibido en moitos casos a mesma represión que os homes, como asasinatos, a cadea ou o exilio, así como outros moitos castigos de índole machista, como a rapa, a inxestión de aceite de ricino, a tatuaxe ou a violación.

Durante o coloquio a relatora falará dos distintos tipos de represión, aos que porá nome e cara con exemplos dalgunhas das galegas que as sufriron. Ademais, afondará sobre a necesidade de ampliar o termo de vítimas ás nais, orfas, viúvas e mulleres que ademais de quedar sen o ser querido perderon nun tempo sen dereito a dor, tamén perderon o principal sustento do fogar. Fajardo abordará tamén a resistencia e o papel das mulleres na supervivencia da guerrilla, fornecendo alimentos e roupa ás persoas fuxidas no monte ou aos presos.

A charla forma parte da iniciativa ‘O pasado por vir’ da Deputación de Pontevedra, coa que se busca “recuperar non só a memoria dunha xeración oprimida de ideais devastados, senón tamén salientar todo o que loitaron para tentar construír o país e a sociedade que querían, aínda que os seus soños foran aniquilados”, como sinala a alcaldesa, Sandra González.

O coloquio será ás 19.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.