O Concello realiza oito novas contratacións, con cargo a distintas subvencións de fomento do emprego Entre as persoas empregadas cóntanse varios peóns de limpeza, dous socorristas e unha enxeñeira forestal

O Concello de Tomiño vén de contratar con cargo a distintas subvencións de fomento do emprego, a oito novos traballadores /as (desempregados/as), que comezarán a desempeñar as súas funcións de forma gradual.

Deste xeito, o persoal do Concello vese ampliado durante varios meses por cinco persoas desempregadas e perceptoras da RISGA (Renta de inclusión social de Galicia) que traballarán en limpeza, xardinaría e outras áreas do Concello, até o mes de marzo do 2021. Ditas contratacións leváronse a cabo con cargo a unha subvención de 67.075,65 € procedentes da Xunta de Galicia e 1.631,14 € de achega municipal.

Asemade, a través dunha axuda para o fomento do emprego no ámbito de colaboración coas entidades locais,  dotada con 6000€ da Xunta e 3710,54€ do propio Concello, contratouse durante tres meses a dúas persoas que se desempeñan coma socorristas na praia de Goián, dende o pasado día 23 de xuño e até mediados do mes de setembro.

Por último, por medio do Programa de fomento do emprego no medio rural (Aprol Rural 2020), o Concello procedeu a contratar unha enxeñeira técnica forestal, que comezará a prestar os seus servizos no mes de agosto próximo. Farao a xornada completa durante nove meses, o que significará un investimento de 16.177,14€ de procedencia autonómica e 391,32€ de procedencia local.

A estes oito traballadores hai que sumar outros 24 do Plan Concellos 2020, que foron incorporándose dende o día 23 de xuño pasado, grazas á subvención da Deputación de Pontevedra (275.442,83€) e á unha achega municipal de 6.643, 12 €.