Tomiño aposta pola danza O Concello, a través da Concellería de Cultura, asinou unha carta de adhesión con Escena Plural co obxectivo de promover esta arte

O Concello de Tomiño asinou unha carta de adhesión con Escena Plural para promover a danza no municipio. O proxecto está coordinado por Caterina Varela e Sabela Mendoza, e tras recibir a información da man das súas coordinadoras, o Concello solicitou a incorporación ao proxecto ao responder aos obxectivos compartidos e fixados pola Concellería de Cultura. 

Na programación do primeiro semestre de 2022 hai unha forte aposta pola danza, ofertando tres espectáculos desta disciplina, todos dunha calidade extraordinaria. Neste primeiro trimestre escolar leváronse a cabo uns obradoiros no IES Antón Alonso Ríos, impartidos por Betty Manjuari, para achegar a danza e as artes vivas á mocidade, porque a sensibilización cara as artes comeza nas aulas. Dende a Concellería de Cultura agárdase que co apoio da veciñanza en xeral e coa implicación do alumnado asistente a estes obradoiros en particular, póidase encher o auditorio de Goián para gozar desta disciplina. 

“Cara a unha escena plural” é un proxecto de mediación cultural que impulsa a circulación e a difusión da danza e as artes vivas de carácter profesional en Galicia. Esta iniciativa conta co apoio de AGADIC e de diversos concellos galegos.