Tomiño aposta pola educación e visibilización da igualdade para conmemorar o 25N

Tomiño aposta pola educación e visibilización da igualdade para conmemorar o 25N O Concello prepara ao abeiro do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres unha programación cultural con teatro e obradoiros

O venres 25 de novembro a Praza do Seixo acollerá a declaración institucional e unha concentración cidadá

Educar en igualdade é un dos piares fundamentais para previr as violencias e crear unha sociedade máis xusta. Por este motivo, este ano o Concello de Tomiño súmase á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres este 25 de novembro cunha ampla programación cultural na que a educación e a visibilización desa igualdade real serán os eixos centrais.

“Un ano máis volveremos amosar o noso máis rotundo rexeitamento ás violencias machistas, unha cuestión debemos de poñer en relevo e que debe figurar como unha prioridade na axenda de problemas públicos de toda a cidadanía. Dende o Concello seguimos traballando para facer de Tomiño un concello libre de violencias machistas, apostando pola concienciación e pola formación, especialmente das xeracións vindeiras”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

Dentro deste camiño de formación e sensibilización á mocidade tomiñesa, durante todo o mes de novembro o Concello está a realizar diferentes obradoiros de igualdade nos centros educativos da vila. Así, o alumnado de 1º da ESO do IES Antón Alonso Ríos está a participar nun obradoiro titulado ‘Unfollow’ a través do que afondan no machismo e no acceso a espazos virtuais libres e iguais. Mentres, a rapazada de 5º e 6º de primaria dos colexios tomiñeses están traballando nunha iniciativa coa que fomentar o bo trato, que busca previr a violencia de xénero entre a mocidade.

A programación para este 25N conta tamén cun acto de declaración institucional coa lectura dun manifesto e cunha concentración cidadá que se celebrará o propio venres 25 de novembro ás 12.00 horas na Praza do Seixo ou no mercado municipal no caso de choiva.

Para rematar este sábado 26 de novembro, o auditorio municipal de Goián acollerá a obra ‘#2Pilgrims’, de Redrum Teatro, un espectáculo de comedia con grandes doses de humor absurdo coas que achegar ao público adulto en xeral e adolescente en particular a unha reflexión sobre a igualdade e as novas masculinidades. Será ás 21.00 horas e terá un prezo de 3 euros.

Todas as actividades contan co apoio do Ministerio de Igualdad, Pacto de Estado contra la Violencia de Género, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Tomiño.