Tomiño aposta pola eficiencia enerxética do edificio do Concello, coa instalación dunha caldeira de biomasa O importe das obras é de 83.472,71 €, cofinanciados cunha subvención do IDAE, no marco do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020

O Concello de Tomiño vén de adxudicar a colocación dunha caldeira de biomasa e un novo sistema de iluminación LED que permitirán mellorar substancialmente a eficiencia enerxética da casa consistorial.

A empresa adxudicataria (Termocalor Vigo S.L) será a encargada de executar as obras nun prazo de 5 meses, de “Mellora da eficiencia enerxética do Concello de Tomiño”, por importe total de 83.472,71 €, cofinanciados cunha subvención do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético), dentro das axudas a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono, no marco do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020 (50.053,76 euros), máis unha achega municipal de 43.584,95 euros.

Ditas obras consistirán na optimización do consumo enerxético mediante a substitución da caldeira de gasóleo C de 110 Kw, por unha de biomasa de 108 Kw de potencia, alimentada con biocombustibles, para subministro de calefacción e instalación de luminarias LED, cun prazo de execución de 5 meses.

A caldeira de biomasa estará dotada dunha flexibilidade máxima nos posibles combustibles (pellets, oso de oliva, astillas ata G50/W40, agropellets, etc.), así coma dun sistema de autolimpeza con parrilla de alta alleación, acendido de alto rendemento e baixo consumo.

A natureza e extensión das necesidades que pretenden cubrirse co contrato son, por unha parte,

o alto consumo enerxético do edificio, polo que se aplicarán medidas pasivas e activas de mellora da eficiencia enerxética do edificio, que contribúan, unha vez rematada a intervención, a un aforro enerxético importante e un consumo responsable e sustentable.

A primeira medida proposta con respecto á iluminación, será polo mesmo, o control de luminarias a LED e o cambio puntual de luminarias convencionais por LED, aportando unha solución evidente da eficiencia enerxética do edificio.

A instalación da nova caldeira de biomasa é unha aposta decidida do Concello polas enerxías limpas e tamén polo aforro enerxético, converténdose nun dos primeiros de Galiza en gozar deste tipo de equipamentos.

Nesta liña, o concelleiro de Servizos Públicos e Eficiencia Enerxética, Lois Vázquez, explicou que “coas novas obras obterase un aforro de moi significativo, ademais de apostarse por unha das enerxías limpas do presente e do futuro, conseguindo mellorar substancialmente a eficiencia enerxética do edificio municipal, e avogando polo uso das enerxías renovables nos espazos públicos”; tema no que o goberno municipal vén traballando varios anos.