Tomiño aposta pola enerxía limpa e sostible Instaláronse placas solares na Casa do Concello, na Galiña Azul e no Auditorio de Goián e durante os vindeiros meses tamén se colocarán no Mercado, na Casa da Cultura e no edificio da OMIX

Tomiño continúa coa súa aposta polas enerxías limpas e sostibles coa instalación de placas solares nos edificios municipais. A Casa do Concello, a Galiña Azul e o Auditorio de Goián xa contan coa instalación e nos vindeiros meses chegarán ao Mercado Municipal, á Casa da Cultura e ao edificio Campo da Feira. O concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, explica que “instalamos estas placas solares coa intención de reducir os custos da enerxía para o Concello e tamén para reducir ao máximo posible a nosa pegada ecolóxica”. 

O edil explica que a instalación destas placas solares (Praza de Abastos de Tomiño, Casa da Cultura e Edificio do Campo da feira) farase durante o ano 2022, o cal conta cun orzamento de 30.000 euros e que están financiadas nun 80 % pola Xunta de Galicia a través do INEGA. Ademais afirma que xa se solicitou unha nova subvención para poder instalar máis nos colexios do concello. “Queremos chegar a todos os edificios públicos para facer de Tomiño unha vila cunha enerxía eficiente e sostible”, conclúe o concelleiro.