Tomiño aposta pola fotografía de autor/a Unha vintena de mozas e mozos descobren os segredos da composición dunha imaxe baixo as directrices do fotógrafo vigués Javier Teniente

Que é unha cámara Réflex, como enfocar manualmente, cal é o diafragma e para que sirve, como funciona a velocidade de obturación e a profundidade de campo, ou os secretos da sensibilidade ISO; coñecer os distintos tipos de arquivos dixitais e os obxectivos (fixos, zoom, angulares…), o manexo da luz, da cor e da distancia focal…

Estes e moitos outros ítems integran o temario do curso de fotografía que se está a desenvolver este mes no Auditorio de Goián. A actividade, organizada polo Concello dentro da axenda de verán, é impartida polo fotógrafo vigués Javier Teniente a unha vintena de mozas e mozos de Tomiño e arredores.

Dúas horas de teoría e tres de prácticas, cada martes e xoves en horario de 9.00 a 14.00h. A meta é adquirir os coñecementos básicos dun xeito teórico e sobre todo, práctico e ser capaz de compoñer unha fotografía atendendo aos seus aspectos técnicos pero tamén artísticos.

Entre as persoas apuntadas hai xente con diferentes niveis de formación. Hai quen sempre gustou da fotografía, coma Pablo Patrón (Sobrada), ou Carla Diz (Tui), estudante de FP de tapicería, que ve no mundo da imaxe a forma de conxugar as súas dúas paixóns (fotografía e moda).

Algo parecido ocórrelle a Laura Coello (Tebra), estudante de ESO, que se interesou pola fotografía desde pequena, animada por unha veciña súa que se dedica á produción audiovisual. Xacobe, de 13 anos, descobre os secretos da fotografía a través dunha completísima cámara que lle deixou o seu pai.