Tomiño aposta pola perspectiva de xénero na súa programación cultural, coa vista posta no 25N Tomiño aposta pola perspectiva de xénero na súa programación cultural, coa vista posta no 25N

Con motivo da conmemoración do próximo 25 de novembro, o Concello de Tomiño apostou por unha programación cultural con perspectiva de xénero, coa presenza da peza ‘Sofía’ o próximo 21 de novembro e coa obra ‘Bernarda’, que será representada o vindeiro 28 de novembro.

‘Sofía’ fala sobre a estrutura da violencia de xénero. Trátase dunha peza curta e unipersoal, próxima á conferencia. Está pensada para que despois se abra un debate co público asistente. A actriz, no escenario, acompañada da súa propia máscara (Platón), fai unha chamada en torno á necesidade de buscar un novo xeito de reflexionar ante a problemática da violencia machista. O espectáculo ten unha duración de 25 minutos e ofrece unha panorámica ante o que sustenta a violencia de xénero: o silencio, a negación, a xustiza patriarcal e o efecto espectador.

A singularidade desta obra vese reflexada na mistura de filosofía e denuncia dun tema tan complexo como é a violencia de xénero. A filosofía que demostra que temos a un público ávido de saber e de reflexionar; un público que precisa de crítica en tempos de crise e non só de mero espectáculo. Será representada o sábado 21 de novembro ás 19:00 horas no Mercado de Tomiño e a entrada será de balde.

O domingo 22 estará tamén no Auditorio de Goián ás 17:30 ‘A casa do terror’ con Xoán Curiel e a banda do verán, prevista para anteriores datas pero que foi aprazada trala suspensión temporal da programación cultural. Un musical cheo de ROCK e de terror que se leva a cabo entre cancións, danzas, teatro, clown e participación do público. A perspectiva de terror, non mete medo, é moi divertida e lévase a cabo a través de personaxes como as pulghas sombis, o lobo lover, os ratatiburóns, os gativampiros, o monstro da lavadora, a pantasma con asma e moitas máis!
A entrada terá un custe de 3 euros, 1,5 para menores de 12 anos.

Por último, o vindeiro 28 de novembro representarase tamén no Auditorio de Goián ás 20:30 a obra ‘Bernarda’, triunfadora nos premios de Teatro María Casares. “Bernarda” é unha historia próxima, comprensible e universal. Todas coñecemos a alguén como Bernarda e todos temos un pouco de Bernarda. O choque entre nais/pais e fillos/fillas é unha constante universal, e dependendo de que lado esteamos, vemos a realidade diferente. Cando somos fillos/as queremos romper coas normas que nos impoñen e cando nos convertemos en pais/nais vémonos na obriga de impoñer normas. Un espectáculo imperdíbel. A entrada terá un custe de 5 euros.

As entradas poden ser reservadas a través do correo cultura@tomino.gal ou chamando ao número 986622001.