Tomiño aposta polo futuro investindo máis de 110.000 euros en melloras nos centros educativos este verán

Tomiño aposta polo futuro investindo máis de 110.000 euros en melloras nos centros educativos este verán

Tomiño aposta polo futuro investindo máis de 110.000 euros en melloras nos centros educativos este verán

O alumnado regresou este luns ás aulas con instalacións renovadas, máis sostibles e confortables

Tomiño volve ao cole con instalacións renovadas. O Concello investiu máis de 110.000 euros na mellora, reforma e mantemento dos centros de Infantil e Primaria do municipio, uns traballos realizados durante o verán para garantir que as aulas estivesen listas e en perfecto estado ao inicio do curso escolar este luns.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “o investimento en educación é sempre un investimento no futuro. Queremos que o noso alumnado poida aprender en espazos seguros, modernos e sostibles, porque sabemos que unhas boas condicións nas aulas repercuten directamente no benestar e no rendemento das nenas e nenos”.

As obras, coordinadas pola concelleira de Educación, Cristina Martínez, e o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez, responderon ás necesidades trasladadas polas direccións dos colexios cun obxectivo claro: avanzar cara a unhas instalacións máis modernas, sostibles e confortables para todo o alumnado e equipo docente.

Un dos proxectos máis destacados foi a instalación de paneis fotovoltaicos no CEP Pedro Caselles Beltrán e no CEIP de Barrantes, financiados parcialmente con fondos FEDER a través do INEGA. Pola súa parte, no CEP Pedro Caselles tamén se levaron a cabo tarefas de pintado e colocación de nova tarima nas aulas e colocáronse novas estruturas de madeira para iluminación, mentres que no CEIP de Barrantes realizáronse melloras de carpintaría no comedor e nas aulas, así como tamén se pintaron aulas e corredores. 

No CEIP de Sobrada traballouse para mellorar o peche exterior posterior e o portal, así como a accesibilidade entre o patio e o pavillón, mentres que no CEIP de Tebra incorporouse novo mobiliario na biblioteca e en infantil. Pola súa banda, no CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián procedeuse ao pintado das instalacións e á colocación de novas tarimas nas aulas. 

Tamén destaca a intervención na Galiña Azul de Tomiño, onde se mellorou a madeira do patio exterior e adquiriuse novo mobiliario para a biblioteca e a sala de berces. Xa na Galiña Azul de Goián pintouse e mellorouse o pavimento de todo o centro educativo. 

Outro dos investimentos salientables foi nas escolas unitarias do CRA Mestre Manuel Garcés, nas que se realizaron melloras de pintura, carpintaría e cerraxería nos diferentes centros. Ademais, en todos os centros revisáronse as instalacións de electricidade, fontanaría e carpintaría e acometeuse a limpeza e desbroce de patios, hortas e areeiros.

Con este esforzo económico e de xestión, Tomiño reafirma o seu compromiso coa comunidade educativa e co desenvolvemento dun municipio que aposta pola calidade de vida e pola sustentabilidade tamén no ámbito escolar.