Tomiño aproba novas axudas de emerxencia por alimentos, chegando a axudar até o de agora, a un centenar de persoas A Concellería de Benestar Social repartiu, coa colaboración de Protección Civil, unha segunda remesa de 2.372 máscaras hixiénicas en 16 comercios

O Departamento de Benestar Social de Tomiño, vén de aprobar esta semana novas axudas de emerxencia por valor de 860 euros, destinadas a cubrir gastos de alimentos, transporte e internet para cinco novas familias(9 persoas, 340 euros) e tamén prórroga por alimentos para outras 4 familias (16 persoas 520 euros).

Deste xeito, dende que comezou o Estado de Alarma, o Concello aprobou axudas de emerxencia por alimentos para un total de 30 familias, 99 usuarios e usuarias, por un importe de 4640 euros.

Por outra banda, e sempre coa colaboración desinteresada da Agrupación de Protección Civil de Tomiño, repartiuse unha segunda remesa das máscaras hixiénicas confeccionadas pola rede de costureiras voluntarias en colaboración con ADETO e o Concello. Esta vez repartíronse 2.372 unidades, entre os mesmos 16 comercios asociados, que recibiron a primeira entrega, co fin de repartir as máscaras entre os seus clientes, recomendando sempre un uso responsable das mesmas.

A concelleira responsable da área de Benestar Social, Cristina Martínez, informou que queda pendente un terceiro reparto de máscaras previsto para a vindeira semana, cando se cumprirán dos meses desde a declaración do estado de alarma. Logo da entrega da terceira remesa, faranse outras 3.000 máscaras para repartir nas parroquias.