Tomiño aproba partidas económicas para axudar ás familias a celebrar as festas de Nadal

  • Os cheques, para a adquisición de xoguetes e comida, son para usar en establecementos do municipio, co fin de contribuír á dinamización do comercio local

 

O Concello de Tomiño vai investir preto de oito mil euros (8000 €) en axudas de Nadal para que as familias con escasos recursos poidan celebrar o Nadal.

Con este fin, o goberno local de Tomiño aprobou na xunta de goberno do pasado luns, axudas sociais para que as familias con poucos recursos poidan comprar xoguetes e alimentos para celebrar unha data tan importante.

Deste xeito, máis de 80 menores resultarán beneficiados cos cheques de 30 euros, que recibirán os seus pais para a compra de xoguetes de Nadal, o que suma mais de 2500 euros.

Por outra banda, máis de 50 familias recibirán axudas económicas para comprar alimentos (dependendo do número de persoas que formen a unidade familiar, os cheques  van dende  os 70 aos 170 euros, sumando un total superior a 5000 euros.

A concelleira de Cultura e Servizos Sociais, Cristina Martínez, sinala que todos estes cheques son para comprar en establecementos de Tomiño (xogueterías, librarías, supermercados, etc.), contribuíndo tamén deste xeito  coa dinamización do comercio local.

Estas axudas enmárcanse na liña de traballo asumida polo goberno local nos últimos anos, co fin de priorizar as necesidades da veciñanza, por riba doutros gastos menos importantes. “Axudar ás persoas de Tomiño, e en especial a aquelas que máis o necesitan, foi e seguirá sendo a prioridade deste equipo de goberno, que dende fai anos promove e inviste para asegurarse de que en Tomiño, ningunha nena nin ningún neno quede sen recibir un agasallo e unha cea de Nadal”, salienta a concelleira.

Así mesmo, dende a Concellería organizouse, como en anos anteriores, unha completa programación de actividades de Nadal e Reis, con xogos, teatro, música e maxia, que “agardamos supoña unha oportunidade de vivir un Nadal especial, pasar bos momentos coa familia e as amizades, e gozar do noso municipio”, comenta Martínez.

O goberno de Tomiño é consciente da transcendencia das festas de Nadal, para o desfrute especialmente dos máis pequenos, e tamén coma elemento dinamizador da actividade ligada ao comercio local.

Nesta mesma liña de velar polo dereito de acceso igualitario dos veciños á cultura, educación e servizos sociais, o goberno aprobou recentemente axudas para material escolar por valor de 6000 euros, e inviste máis de 15.000 na organización de actividades extraescolares impartidas en todos os centros educativos de xeito gratuíto.

A preocupación pola educación e conciliación da vida laboral e familiar é outra das prioridades do goberno local tomiñés. Exemplo desa preocupación é que, coma quedou reflectido no consello escolar das dúas escolas infantís do municipio (situadas en Tomiño e Goián), celebrado esta semana, é a primeira vez que en lista de agarda so hai 15 nenos/as, fronte aos 40 apuntados habitualmente.