Tomiño apúntase ás renovables O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) concede dúas axudas para instalar paneis solares fotovoltaicos no edificio do Concello e no da Escola de Música

O Concello de Tomiño vén de conseguir do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia), dúas axudas cofinanciadas polo Fondo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia, co obxectivo de acometer dous proxectos de enerxía fotovoltaica; un na propia Casa do Concello e outro no edificio multiusos que alberga a  Escola Municipal de Música, en Goián.

No primeiro caso, a axuda ascende a 3.902,98 euros, que representan o 80% do investimento total (4.878,72 euros). Concretamente, instalaranse 11 paneis solares para autoconsumo de enerxía fotovoltaica de 4.8 Kwp. e as obras incluirán, ademais, a colocación das estruturas de soporte, dun inversor, dun cadro de corrente que permita a conexión e da man de obra.

No caso da Escola Municipal de Música, instalaranse outros 21 paneis solares para autoconsumo fotovoltaico de 9,2 Kwp no edificio multiusos, acondicionándose o sistema para a conexión e montaxe á rede eléctrica. A axuda ascende neste caso a 7.480,70 euros, que representan tamén o 80% do investimento total (9.350,88 euros).

O concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, explica que o Concello de Tomiño presentou ao INEGA tres proxectos susceptibles de ser subvencionados, entre os que tamén figuraba, ademais dos aprobados, a instalación de paneis solares para autoconsumo fotovoltaico no edificio da escola infantil Galiña Azul do Seixo. “Trataremos de ir aumentando progresivamente o investimento neste tipo de enerxías renovables, xa que ademais do aforro económico e enerxético que significan, levan aparellado un gran beneficio para o medio ambiente”, aclara o edil.