11 Set Tomiño arranca o curso con todos os seus colexios postos a punto O Concello investiu máis de 100.000 euros na mellora e mantemento dos centros escolares
Tomiño comeza o curso con todos os seus centros escolares postos a punto. O Concello investiu máis de 100.000 euros na mellora, reforma e mantemento dos centros educativos de infantil e primaria do municipio, unhas obras que, como ven sendo habitual, se realizan na súa maioría ao longo do verán para non interferir na actividade lectiva habitual.
“A educación é unha prioridade para o Goberno municipal, por iso apostamos por ter todos os colexios nas mellores condicións para o comezo do curso, facendo todas as melloras necesarias para ofrecer espazos cada vez máis sostibles enerxeticamente, seguros, modernos e confortables tanto para o alumnado como para o profesorado”, explicou a alcaldesa, Sandra González.
Como ven sendo habitual, o Concello procedeu á revisión da instalación de fontanería e electricidade; á limpeza xeral dos centros, incluíndo as fiestras, os patios e os areeiros; así como ao pintado de numerosas aulas e espazos de diferentes colexios, o que supuxo un investimento de máis de 16.000 euros. As tarefas completáronse cos labores de desratización e desinsectación de todas as instalacións. Ademais, nos centros de educación primaria levouse a cabo unha inspección térmica e dos depósitos de calefacción, así como as tarefas de mantemento da calefacción e o mantemento dos ascensores do CEP Pedro Caselles Beltrán, do CEIP de Tebra e do CEIP de Sobrada.
Entre os traballos de maior relevancia realizados este verán está a instalación de paneis solares na Escola Galiña Azul de Goián, que supuxo un investimento de máis de 32.000 euros. Neste mesmo centro destináronse máis de 5.600 euros aos labores de mellora da cuberta e instalouse ademais un novo elemento de xogo no patio, así como xardineiras e estantes. Tamén en Goián, o Concello mellorou a accesibilidade dende a entrada do autobús cunha nova rampla no CEIP Pintor Antonio Fernández.
Por outra banda, e entre outras accións, tamén se instalou un novo valado de madeira no patio infantil do CEIP de Sobrada, así como un novo valado na horta no CEP Pedro Caselles Beltrán.
Con este investimento, o Concello amosa o seu compromiso co ensino e coa mellora continua das infraestruturas dentro das súas competencias, “non só para garantir o benestar dos nenos e nenas, senón tamén para seguir construíndo un Tomiño de futuro”.