17 Xuñ Tomiño asina un convenio coa Agrupación Musical de Goián para garantir o funcionamento da entidade Este convenio permite á agrupación ter unha fonte de financiación directa que se traduce nunha maior estabilidade
O Concello de Tomiño vén de asinar, por segundo ano consecutivo, coa Asociación Sociocultural de Goián, á que pertence a Agrupación Musical de Goián (AMG), un convenio polo que se compromete a participar no seu financiamento cunha subvención de 25.000 euros.
O acto de sinatura, celebrado onte no salón de plenos, contou coa presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a presidenta da AMG, Pilar Ramos, asistindo tamén o vicepresidente, Alexandre Pérez, e o director da agrupación e das bandas de música, Pedro Villarroel. Todos agradeceron a axuda municipal que lles supón unha seguridade e estabilidade moi importante nos tempos que corren. Pilar Ramos aproveitou a ocasión para lembrar que están abertas as matrículas, tanto para o campamento de verán, como para a escola de música.
Este convenio resulta de vital importancia para a entidade, xa que lle permite ter unha fonte de financiación directa que se traduce nunha maior estabilidade.
Para que isto fora posible, a asociación tivo que realizar unha serie de trámites e cumprir múltiples requisitos para lograr que a Xunta de Galicia recoñecera á Agrupación Musical de Goián como Escola de Música Oficial.
Ademais dos gastos derivados de impartir clases na Escola de Música, a subvención servirá tamén para financiar a realización de concertos de diversa índole, a participación en certames ou festivais; a realización de eventos culturais ou a organización do Campamento Musical de Verán (que a AMG vén impartindo dende hai uns anos con enorme éxito.
A concesión desta axuda, que terá carácter anual, foi aprobada no último Pleno Municipal celebrado no mes de maio e contou co apoio de todas as forzas políticas. Este amparo unánime pon de manifesto a importancia social e cultural que a AMG ten no municipio, un proxecto consolidado que naceu no ano 1998 para encher o concello de cultura realizando actividades de carácter educativo e cultural no ámbito da música.
“Trátase dun proxecto consolidado que naceu en 1998 e que enche de cultura o noso pobo, realizando actividades de carácter educativo e cultural no ámbito da música; un dos pilares é a labor que se leva a cabo na escola de música que ofrece clases para todas as franxas de idade, a nivel individual e colectivo e que integra distintas agrupacións, como a banda infantil, a xuvenil e a de persoas adultas”, explica a alcaldesa Sandra González.
Entre os argumentos que inspiraron a concesión da subvención atópanse feitos probados como que varios alumnos e alumnas superan cada ano as probas de acceso aos conservatorios profesionais de música, ou a organización por parte da agrupación, de actividades como os campamentos musicais, os concertos didácticos escolares, os concertos de Nadal, do Socio, etc., prestando ademais moita atención á educación en valores, con charlas, fins de semana de convivencia, excursións, cursos e intercambios con outras agrupacións.
Máis de 20 anos de historia
A Agrupación Musical de Goián ten 24 anos de existencia, nos que conseguiu numerosas distincións. Desta entidade nace a Escola de Música de Tomiño, con máis de 140 alumnos/as na actualidade. O Concello sempre apoiou a actividade desta agrupación, procedendo por exemplo, á remodelación do auditorio de Goián en 2015 e 2021/22 para dotar á escola de aulas e espazos de ensaio, oficinas, mellora da cuberta do auditorio municipal, do escenario, equipamento de son e iluminacións das instalacións, etc.
A AMG conta no seu haber con máis de 500 actuacións e 4.000 horas académicas. O alumnado xa non é unicamente de Goián, senón tamén de todo o municipio e zona de influencia. Agora afrontan o futuro con moita ilusión e agradecen o apoio incondicional do Concello. Na actualidade atópanse en época de exames e organización do campamento musical de verán, que terá lugar a segunda semana de agosto.