Tomiño busca un deseño atractivo para a camiseta das Letras Galegas 2022 A OMIX organiza un novo concurso no que premiará o enxeño, a creatividade e a promoción do idioma galego

Un ano máis a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño quere conmemorar o 17 de maio con enxeño e creatividade arredor da lingua e literatura galega.

Por este motivo convoca unha nova edición do CONCURSO DE DESEÑO DA CAMISETA do Día das Letras Galegas 2022. O devandito deseño será libre e aberto e valorarase que sexa atractivo, inspirado e que busque a promoción do uso e a normalización do idioma galego.

A OMIX aclara que o deseño estará pensado para colocarse unicamente na parte dianteira da camiseta e terá que ser dunha soa cor a estampar sobre fondo branco.

Como vén sendo habitual, todas as persoas que participen e envíen as súas creación, serán agasalladas cunha camiseta co modelo gañador serigrafiado. Ademais, a persoa autora da camiseta contará coa difusión da súa creación, tanto nas redes sociais, como nos diferentes medios de comunicación.

“A nosa intención é plasmar nunha frase ou nun deseño gráfico/debuxo algo que defenda ou poña en valor a nosa lingua”, explica a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez.

A frase ou deseño gañador será serigrafado en 800 camisetas que serán repartidas, de balde, entre as persoas que participen nas actividades organizadas con motivo do Día das Letras GALEGAS.

A data tope para enviar os deseños (ao correo electrónico omix@tomino.gal) é o domingo 8 de maio.

A persoa gañadora poderá escoller entre tres agasallos: TABLET LENOVO Tab M10HD con 2/32 e Android; AIRPODS DE APPLE, ou ALTAVOZ MUSE M1915DJ party box troley.