Tomiño conmemora cun obradoiro de cociña alemá a Semana Europea da Mocidade A actividade será impartida por unha bolseira en prácticas do Erasmus Plus que aproveitará para promocionar este programa europeo de mobilidade estudantil

O Concello de Tomiño conmemorará a Semana Europea da Mocidade cunha serie de actos, entre os que sobresae un obradoiro de cociña alemá, a cargo de Jessica Schröder, alumna en prácticas no Concello a través do programa Erasmus Plus.

A estudante cociñará varios pratos típicos do seu país de orixe; concretamente, da rexión de “Suabia”, mentres ao mesmo tempo aproveita para informar aos presentes das características do programa de mobilidade europeo Erasmus Plus, para estudantes universitarios, e tamén da súa cultura e da experiencia que está a vivir en Tomiño.

O obradoiro, dirixido especialmente á mocidade tomiñesa, será impartido en inglés, cunha persoa que traducirá de maneira simultánea ao galego. Están previstas tres sesións no mes de abril (días 1, 8 e 15), para dos grupos diferentes (Grupo 1: de 9.00 a 14.00h e Grupo 2: de 18.00 a 22.00h, con 15 prazas cada un). O taller é totalmente gratuíto, sendo necesario inscribirse previamente no seguinte correo electrónico: jessica.schroeder111@gmail.com

Asemade, a Concellaría de Mocidade, que dirixe Fátima Rodríguez, conmemora a Semana Europea da Mocidade, cunha Campaña fotográfica en redes sociais; actividade que pretende visibilizar a celebración do Día Europeo da Información Xuvenil (17 de abril) e que consiste no envío dunha foto da persoa concursante nun lugar emblemático da localidade (Tomiño), cun cartaz que diga: #IamEUROPEAN-#Euson EUROPEO/A (en inglés e galego), e compartir a imaxe en Facebook, Instagram ou Twiter cos hashtags: #redsij e #redsijODS

Por último, a campaña inclúe un encontró informal coa mocidade tomiñesa en torno a unha taza de café e algo para picar, co fin de conversar e debatir de forma distendida sobre temáticas coma a Unión Europea, retos de futuro, etc. Este encontró, titulado “Tómate un café con Europa”, terá lugar en dúas datas e tres horarios distintos (17 e 25 de abril; 10.30 a 12.30 e 18.30 a 21.30, e 18.30 a 21.30 horas, respectivamente) con tres grupos diferentes (Casa da Cultura, Mercado Municipal e Escola Obradoiro).

Para máis información, pódese consultar a páxina web do Concello (tomino.gal), pasar pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) Bº da Rocha, s/n, ou ben, chamar por teléfono ao número 986 622 001.