Tomiño celebra o Día da Atención Temperá con usuarios e usuarias dos programas de intervención socio comunitaria O obxectivo do acto é visibilizar a importancia de iniciativas que promovan a estimulación temperá coma medida de prevención

O Departamento de Educación Familiar do Concello de Tomiño celebrou o Día da Atención Temperá con usuarios e usuarias dos obradoiros de estimulación temperá e do programa Medrando en Familia, unha iniciativa de intervención socio comunitaria centrada nas familias con menores de 6 anos, que pretende estimular o establecemento de pautas básicas de organización familiar.

Durante o acto deuse lectura á frase “Familias e profesionais unidos pola atención temperá”, que se recolle no cartel da Federación Estatal de Asociaciones de Profesionales de Atención Temprana. O fin, visibilizar a importancia de iniciativas que promovan a estimulación temperá coma medida de prevención nalgúns casos e de detección en estadios temperáns, para desenvolver as accións necesarias para corrixir  ou emendar as disfuncións detectadas.

“Desde Medrando en familia e nos talleres de estimulación xa se detectaron algúns casos que hoxe xa están normalizados ao realizar unha intervención en estadios temperáns”, explica a concelleira de Benestar, Cristina Martínez.

Medrando en Familia ao longo do 2018 deu resposta a 60 familias e aos seus menores, diversificando a oferta de actividades que promoven a estimulación e a participación social, ademais de ser un recurso moi efectivo para a crianza en positivo, dotando de ferramentas moi útiles ás familias, coma as dadas no taller “Estratexias para unha crianza en positivo”, o pasado día 8 e o vindeiro 22 de abril ás 19.00h na Casa da Cultura. A esta cita seguiranlle un encontro de primeiros auxilios na infancia, teatro e dous obradoiros de estimulación.