Tomiño celebra o Día da Muller cun mural, unha obra de teatro e unha charla sobre feminismo O domingo 8 de marzo, na Praza do Seixo, realizarase unha concentración con música e poesía, e lerase un manifesto

O venres inaugúrase o mural de Gemma Marqués no Campo de fútbol do Alivio coma homenaxe á “Sara da Pisca”

 

O Concello de Tomiño celebra, coma cada ano, o Día Internacional da Muller (8 de marzo), cunha serie de actos.

Estes comezarán o venres 6 coa inauguración dun mural no exterior do Campo de fútbol do Alivio, obra da artista guardesa Gemma Marqués sobre unha imaxe de Sara Rodríguez Salvador “Sara da Pisca” *, tomada pola fotógrafa Pily Reñones. O acto será ao pé do mural ás 13.30 horas, coa intervención da alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

O día 7, sábado, ás 22.00h, haberá teatro no Auditorio de Goián. “1879. Casa de Bonecas”, a innovadora proposta dos actores galegos Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, que revisa o clásico do autor Henrik Ibsen, chegará a Tomiño en conmemoración do Día da Muller. A compañía Estudo Momento traerá unha adaptación do clásico do dramaturgo noruegués, predecesor dos movementos feministas. Nesta versión, Iria e Mejuto, dan vida ao matrimonio Helmer, nunha proposta na que os actores realizan unha disección do matrimonio, das relacións de autoridade e da liberdade.

O domingo 8 de marzo ás 12 do mediodía terá lugar unha concentración na Praza do Seixo, com música, poemas e lectura do Manifesto.

Por último, o día venres 27 de marzo, a Oficina Municipal de Igualdade, organiza unha charla-coloquio de Rosa Cobo Bedía, baixo o título ” A cuarta ola feminista e a violencia sexual”. A autora realizará un percorrido pola historia do feminismo ata chegar á gran vindicación desta chamada Cuarta ola; falando da violencia sexual como mecanismo de control que impide ás mulleres a apropiación igualitaria do espazo público e acadar a súa autonomía e liberdade, así como a análise crítica de prácticas historicamente naturalizadas , como a prostitución.

Ás 19.00h no Salón de Plenos do Concello.

 

* Sara Rodríguez Salvador, nada hai 105 anos en Tomiño, é a persoa máis lonxeva da vila. Pertence a familia “dos piscos”; alcume que vén duns bois pequenos que tiñan cando andaban ao xornal. Afeccionada ao fútbol, ía até os 90 anos ou máis, a ver o Tomiño FC. O Concello quere facer un pequeno homenaxe en agradecemento a Sara, un muller que, desafiando as  normas que relegan á muller ao espazo privado e as apartan de aqueles eidos tradicionalmente masculinos, acudía a o campo de fútbol do seu equipo, o Tomiño FC , como a afeccionada incondicional.