Tomiño celebra o Día de Rosalía A través da Concellería de Cultura, o Concello conmemora o nacemento da escritora con diferentes actividades

O Concello de Tomiño celebra o 23 de febreiro o Día de Rosalía. Este cambio na data prodúcese despois de que a investigadora galega Sagrario Abelleira aportara o pasado ano nova documentación que acredita o nacemento real da escritora nese día.

Para conmemorar esta data, dende o Concello vai difundirse nas redes sociais e na web municipal (tomino.gal) un vídeo realizado polo grupo de voluntariado, coa lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, escrito por Beatriz Maceda Abeleira con citas das escritoras Xohana Torres, Luisa Villalta, Xela Arias e María Xosé Queizán.

Compartirase tamén, no mesmo vídeo, a canción “Negra Sombra” interpretada na voz e guitarra da moza tomiñesa Lara Villaverde e, ademais, deseños sobre Rosalía feitos por mocidade tomiñesa.

Así mesmo, entre os días 23 ata o 26 de febreiro, porase á venda na librería Novidades, a única do municipio, 23 libros escritos por Rosalía ou sobre ela, cun 50% de desconto.

Outro ano máis, o Concello, mecenas da Casa de Rosalía de Castro, recibiu 1000 exemplares dos manteis de “Caldo de Gloria”, que serán repartidos entre todo o alumnado de todos os centros educativos do municipio coa pertinente información, para animar ás familias e aos comedores escolares a que elaboren o caldo.

A iniciativa está inspirada no poema “Miña Casiña, meu lar” onde a poeta explica como facer un caldo humilde e no que relata a épica diaria da supervivencia.

Por outra banda, a Fundación Rosalía e a Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as organiza o 23 de febreiro a Alborada para Rosalía de Castro, “á que nos unimos dende o Concello de Tomiño para dar unha alborada de gloria na súa honra, na praza do Seixo en horario de mañá. Facemos un chamamento a aqueles músicos que queiran unirse”, comenta a concelleira de Cultura, Ana Fernández Carrera.

Neste 2022 “xa podemos saudar o Día de Rosalía coa alegría da música, coa esperanza da Alborada. A noite de medos e de tristura ten que acabar e dar paso a esa alborada de gloria, ese novo tempo que nos faga encarar o futuro con ilusión e confianza”, sinala.