Tomiño celebra o seu quinto Biomercado con alimentos saudables, artesanía e unha ampla oferta de ocio Este domingo 29 de setembro a Praza do Seixo e o Mercado Municipal acollerán 67 postos cos que se busca dinamizar o comercio local e fomentar a biocultura

A Praza do Seixo e o Mercado Municipal de Tomiño acollen este domingo 29 de setembro unha nova edición do Biomercado, unha cita anual xa consolidada e que chega á súa quinta edición con 67 postos dedicados a alimentación saudable, produtos ecolóxicos e naturais e a artesanía e cun amplo programa de actividades con charlas, obradoiros, contacontos, pasarrúas e música en vivo. O obxectivo é poñer en valor e dinamizar o comercio local, fomentar a produción ecolóxica, a biocultura e o mercado de proximidade. “É unha pequena mostra de que o rural ten vida e unha vida alternativa, saudable, sustentable, respectuosa co medio ambiente… un tipo de vida que a xente demanda cada vez máis”, salienta a alcaldesa Sandra González.

Este ano o Biomercado conta con importantes novidades, como unha reorganización do espazo que permitirá non só mellorar a mobilidade de todas as persoas participantes, senón tamén dividir o mercado por seccións de interese. Deste xeito, no Mercado Municipal e nos seus soportais estarán arredor de 20 postos relacionados coa alimentación en fresco e con elaborados artesanais, mentres que na Praza do Seixo distribuiranse os bloques de cosmética natural; artesanía e vellos oficios; coleccionismo, antigüidades, reciclaxe e segunda man; e comida para levar.

Este ano a organización fixo, como asegurou Chao Quintana, de Rural Consulting, “un esforzo por facer unha selección rigorosa de todos os participantes” seleccionando para os postos soamente a aquelas persoas con certificado de Artesanía de Galicia no caso dos artesáns e artesás e con rexistro sanitario no caso dos postos con produtos alimentarios. Un esforzo que tamén se reflicte no programa da xornada, “con actividades para empezar a introducir aos nenos e nenas no mundo da transformación alimentaria e dando resposta á alta demanda que tiñamos de obradoiros para adultos”.

Un amplo programa

A quinta edición do Biomercado contará cun amplo programa de actividades para todas as idades que se iniciará pola mañá coa apertura dos postos ás 11.00 h e que continuará ao longo do día (ata as 21.00 h) con diferentes actividades lúdicas e formativas, obradoiros relacionados coa cociña e a gastronomía e música en vivo.

Así, as persoas asistentes poderán aprender a cociñar rápido e san, a cultivar cogumelos en pousos de café ou a facer pan e queixo nos distintos obradoiros que haberá durante toda a mañá e a tarde. Ademais, haberá interesantes charlas sobre temas tan importantes para a vida cotiá como o colesterol ou o control do peso na infancia. Demostracións de vellos oficios, pasarrúas e contacontos con Anxo Moure e o concerto en vivo e en directo de Llorente&Tribu “para rematar cun bo sabor de boca a xornada” serán outras das actividades estrelas da xornada.

Dentro desa “aposta que o Concello fai pola compostaxe”, como explica o concelleiro de Promoción Económica, Comercio e Deportes, Francisco Campo, o Biomercado contará cun posto do proxecto Revitaliza no que os mestres composteiros resolverán dúbidas e facilitarán información sobre o programa de compostaxe que se está a levar a cabo en Tomiño. Neste mesmo posto entregarase compost feito nos centros de compostaxes do Seixo e de Goián e todas as persoas interesadas poderán anotarse para ter un composteiro na casa ou para levar compost sen peneirar en momentos de excedente.

Durante o Biomercado tamén se celebrará a actividade ‘Móllate polos ríos’, unha limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega ao abeiro do Proxecto Ríos no que colabora Tomiño e a través do que os voluntarios e voluntarias recollerán residuos do río Cereixo. Toda a información e inscricións desta actividade aquí.