Tomiño celebra os 20 anos da Feira de Cultivos do Baixo Miño con tres días para sementar futuro Celebrarase do 9 ao 11 de maio cunha ampla programación de actividades

Tomiño celebra os 20 anos da Feira de Cultivos do Baixo Miño con tres días para sementar futuro

Tomiño celebra os 20 anos da Feira de Cultivos do Baixo Miño con tres días para sementar futuro Celebrarase do 9 ao 11 de maio cunha ampla programación de actividades

A Praza Pintor Antonio Fernández de Goián volverá ser o epicentro da cita máis importante do sector do viveirismo en Galicia

A Feira de Cultivos do Baixo Miño prepárase para celebrar os seus 20 anos de historia cunha edición especial que volverá converter a Goián no grande escaparate do sector do viveirismo galego. Organizada pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e polo Concello de Tomiño, do 9 ao 11 de maio a Praza Pintor Antonio Fernández acollerá unha nova edición dun evento cheo de vida e cor, con expositores, charlas, obradoiros, concertos e unha completa programación para público profesional e xeral.

Para a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “non hai mellor maneira de celebrar estas dúas décadas de traxectoria que cunha feira que reflicta o dinamismo e o potencial do sector. Este 20 aniversario é un fito que queremos compartir coa veciñanza e co tecido produtivo, consolidando esta feira como un referente en Galicia”.

Tras dúas edicións con este modelo renovado, a Feira de Cultivos do Baixo Miño mantén a súa aposta polo formato ao aire libre, brindando un espazo idóneo para o encontro entre profesionais, expositores e público. Como salientou o presidente de acuBam, Francisco Campo, “a edición do ano pasado demostrou unha vez máis que o aire libre é un gran escenario para esta feira, xa que nos permite sacar o sector á rúa e facelo dun xeito diferente, orixinal e versátil. Cada ano o éxito da feira é maior e queremos seguir nesta liña”.

Un dos grandes atractivos deste 20 aniversario da feira será a ampla oferta de obradoiros, un formato que triunfou nas edicións anteriores e que este ano medra para satisfacer a demanda do público. Uns talleres que formarán parte da ampla programación de actividades que volverá converter a Tomiño nun referente do sector da planta, froita, flor, horta e subministros.