Tomiño celebrará o Día Internacional contra a Violencia de Xénero con frases poéticas pintadas nos pasos de peóns

As persoas que o desexen participar na campaña, titulada “25 de novembro. Contra a violencia: Amor”, poden enviar as súas frases por correo electrónico

O Concello de Tomiño vai conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, pintando frases poéticas relacionadas co amor, o respecto, a paridade e a reivindicación, nos pasos de peóns da vila.

A campaña, titulada “25 de novembro. Contra a violencia: Amor”, busca implicar á toda a poboación no proxecto, seguindo a iniciativa “Madrid te comería a versos”, do grupo de artistas Boa Mistura, que entende o seu traballo coma “unha ferramenta para transformar a rúa e crear vínculos entre as persoas”.

“Queremos armarnos de palabras para disparar frases de amor que fagan que a xente levante a vista do chán cun sorriso na boca”, explica a técnica de Cultura e Xuventude, Elizabet Pérez.

As persoas que o desexen poden enviar as súas frases, relacionadas co amor, o respecto, a igualdade, a esperanza, etc. ao correo electrónico omix@concellotomino.com