Tomiño, coa súa labor de compostaxe, prepárase para cumprir coa nova Lei de Residuos No 2021 xestionáronse nos 16 Centros de Compostaxe Comunitaria de Tomiño 159 toneladas de biorresiduos e restos vexetais e un total de 2200 vivendas do rural xestionan actualmente os seus biorresiduos mediante composteiro individual

Tomiño leva traballando dende o 2018 no tratamento separado dos biorresiduos, a través da compostaxe in situ, tanto individual coma colectiva, no marco do Plan REVITALIZA, para adaptarse á recente norma estatal de residuos “Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular”, que obriga ás entidades locais a establecer sistemas para a xestión separada dos biorresiduos antes do 31 de xuño do 2022.

Por outra banda, o Concello está en plena realización dun “Estudo técnico de xestión e prevención de residuos municipais”, no que se integrará un estudo económico da solución ou solucións propostas que sirvan de base para futuras ordenanzas, adaptadas á nova normativa, e para o cal ten concedida unha subvención de 15.000 € por parte da Deputación de Pontevedra, en xunta de goberno do 24 de xaneiro de 2022.

“No ámbito da compostaxe, sen chegar aínda ós obxectivos marcados, os datos son alentadores”, comenta a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, pois no ano 2021 xestionáronse nos 16 Centros de Compostaxe Comunitaria (CCC)  de Tomiño 159 toneladas de biorresiduos e restos vexetais. Conseguiuse contactar co 30% das vivendas ás que lle corresponde o uso destes centros (1089 pisos en altura, suman os núcleos urbanos de Goián e Seixo), ás que se lles foi entregado o caldeiro (344 unidades entregadas) para separación do residuo orgánico, e dos cales estimamos que o usan un 80%.

En canto ó uso de composteiro individual para autocompostaxe, hai un total de 2200 vivendas (hai unhas 5300, pero non todas habitadas) do rural de Tomiño que o teñen instalado. Neste caso, estímanse 388 tn de biorresiduo autoxestionadas polos veciños no 2021, e que polo tanto non son depositadas no colector verde, evitando o seu transporte e xestión na planta de SOGAMA. Segundo a edil, “Non podemos esquecer que este importe é maior xa que moitos veciños e veciñas de Tomiño xestionan os seus residuos orgánicos de forma tradicional, mediante pila, alimentación animal e composteiros artesanais”.

Outro dato de interese é que a partir do mes de xuño do 2021, cando se puxo en marcha o sistema de préstamo de biotrituradoras, recibíronse un total de 33 solicitudes ata final do ano, e só nos dous primeiros meses do 2022, alcanzouse xa a mesma cifra.

Dende a Concellería de Medio Ambiente lembran que a Empresa SM Sistemas Medioambientais, está a realizar os seguementos dos composteiros repartidos nas vivendas unifamiliares, para axudar a resolver dúbidas sobre o seu funcionamento, ademais de seguir realizando entregas nas casas que aínda non contan con composteiro. Pódese contactar con eles no e-mail rabal@sistemasmedioambientales.com

Cabe destacar ademais, que xa se instalaron, nos últimos meses, composteiros de maior tamaño (830 L) nalgúns produtores singulares, e a súa xestión está sendo todo un éxito. Actualmente hai 7 produtores singulares compostando: Comunidade terapéutica Alborada, Centro de Día, restaurante Casa das do Correo, Casa Chaver, Asociación Vontade, Casa Faustino e Casa Social de Estás, cun total de 12 coins de 830 L e 1 de 300 L, nos que se estima que se xestionaron xa cerca de 6 toneladas de biorresiduos.

Calquera produtor que estea interesado en recibir información sobre como xestionar os seus biorresiduos mediante compostaxe individual, pode contactar co concello/mestres composteiros (698 193 923) para resolver calquera dúbida que teña ao respecto.

Máis información en:

https://revitaliza.tomino.gal/

https://revitaliza.depo.gal/