14 Mar Tomiño comeza a súa Programación de Primavera, que por primeira vez aglutina cultura, deporte, mocidade e voluntariado O Concello editou unha axenda en papel para facer chegar o programa de actividades a toda a poboación
Un programa de actividades transversal e integrador, no que se lle dá acollida a todas as citas de cultura, deporte e voluntariado, así como as dirixidas á mocidade. Así é a nova Programación de Primavera do Concello de Tomiño, que por primeira vez aglutina todas as actividades realizadas no municipio nun só programa para o vindeiro trimestre co obxectivo de “facilitar a difusión e traballar dun xeito planificado para conseguir que toda as actividades que levemos a cabo sexan un éxito”, como asegura a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
Precisamente coa intención de facer chegar a información de todo o que se realice en Tomiño ao longo dos vindeiros meses, o Concello editou unha axenda en papel que recolle as preto de 30 actividades que se levarán a cabo entre marzo, abril e maio. Esta axenda está a ser colocada en lugares de moito tránsito para difundir as actividades e facer chegar o programa a todos os veciños e veciñas da vila, pero tamén pode consultarse directamente na web do concello.
A programación arrancou a pasada semana coa inauguración no Mercado de Tomiño da exposición ‘Lugares inesperados’, unha mostra cerámica na que a artista Liliya Pobornikova explora as formas que xorden da imprevisibilidade orgánica, e coa obra de teatro ‘Té con Kant’, de Teatro Inversa.
Por primeira vez marzo é o Mes da Muller
Dentro da axenda, estas dúas actividades forman parte da programación especial de marzo, que por primeira vez foi declarado polo concello tomiñés como Mes da Muller e no que todas as actividades teñen un claro protagonismo feminino, como por exemplo os dous cursos de pilates para avoas, nais e fillas, cun grande éxito de acollida.
A oferta en clave feminina continuará co obradoiro ‘Mulleres artistas por descubrir’, que dende o 14 de marzo dará a a coñecer a grandes mulleres artistas que permanecen no anonimato e co mural feminista ‘Anónimas’ que a artista Gemma Marqués está a crear no campo de fútbol de Goián, que pretende poñer en valor o labor e esforzo diario familiar, laboral… das mulleres. Estas actividades, xunto con outras relacionadas, contan coa colaboración e o financiamento da Deputación de Pontevedra.
Ao abeiro deste Mes da Muller, marzo acollerá ademais outras tres obras de teatro no que as mulleres son as claras protagonistas. O público infantil poderá desfrutar con ‘Rosa Caramelo e outras historias’, de Talía Teatro, o 18 de marzo na Casa da Cultura (18.00 h), e con ‘A maleta da avoa’, de Raquel Queizás, o 25 de marzo no Mercado de Tomiño (18.00 h), mentres que para o público adulto representarase ‘Matrioskas’, de Charlatana, o vindeiro 24 de marzo no Mercado de Tomiño (18.00 h).
Unha trintena de actividades
O mes de marzo completarase ademais con tres cursos dirixidos á mocidade, de Francés Básico, de Radio e de Poesía e Rap. Para abril hai outras sete actividades programadas. Xunto con un curso de repostería creativa, neste mes terá lugar tamén a Gala do Deporte (14 de abril, no auditorio de Goián), na que se premiarán ás e aos deportistas tomiñeses máis destacados neste último ano, e o Desafío Terras de Turonio, unha proba de BTT de longa distancia que terá lugar o 22 de abril.
O 9 de abril chegará a Tomiño unha nova edición de Reptigalia, con exposicións, obradoiros e conferencias sobre insectos, réptiles, anfibios e artrópodos, e se representarán outras tres obras de teatro: ‘A nena que quería navegar’, de Redrum Teatro (1 de abril), dirixida a público infantil; ‘Na butaca’, de ButacaZero, para público adulto (7 de abril); e ‘Sen remite’, de Jean Philippe Kikolas, circo, teatro e humor para toda a familia (29 de abril).
En maio as Letras Galegas terán importante protagonismo, con actividades lúdicas e educativas pola vila o propio día 17, con obradoiros e Feira do Libro na praza do Seixo, música e o espectáculo ‘Bicos de papel’, de Talía Teatro, na Casa da Cultura. Será tamén o mes do curso de xaponés e de tai-chi chuan, dun obradoiro de canto ‘Cantares do Brueiro’ e con tres concertos: ‘A gramola gominola’, de Kandengue Arts o 5 de maio para público infantil; a actuación do coro galego Cantares de Brión, o 12 de maio no auditorio de Goián; e o concerto de ‘De outra margem’, o grupo musical formado por profesorado de primaria e secundaria que realizará unha actuación en colaboración ao alumnado e ex alumnado do IES Antón Alonso Ríos e membros da Agrupación Musical de Goián (19 de maio).
Maio será tamén o mes das Barferencias, unha iniciativa a través da que se leva as conferencias ao Mercado de Tomiño para falar cada sábado do mes de varias iniciativas emprendedoras relacionadas co rural: CdM Couso, innovación no agroalimentario, a minaría e os montes e o asociacionismo e a educación ambiental con A Jalleira.