Tomiño comeza o reparto entre os comerciantes, das primeiras 1000 máscaras confeccionadas por costureiras voluntarias O Departamento de Benestar Social aproba novas axudas de emerxencia

A Agrupación de Protección Civil de Tomiño, comezou onte a repartir as primeiras 1000 máscaras hixiénicas confeccionadas por unha rede de costureiras voluntarias da vila, en colaboración coa Asociación de Comerciantes (ADETO) e o Concello. En primeiro lugar, fíxose unha entrega nos establecementos comerciais abertos asociados, uns 15 locais de Tomiño e Goián.

A iniciativa “Tomiño Suma”, coma xa se informara, está a confeccionar máis de 4000 máscaras hixiénicas reutilizables que serán entregadas á poboación. A entrega farase en varios lotes, dándose prioridade a persoas maiores e persoas de risco, polo que dende a organización da iniciativa chámase á responsabilidade, pedindo á poboación que vaian recoller máscaras só as persoas que realmente as precisen e unha unidade por persoa.

A alcaldesa Sandra González, explica que se trata dun exemplo de colaboración local a través dun proceso en cadea: o Concello comprou o tecido homologado e Protección Civil o distribúe entre máis de 20 costureiras voluntarias que elaboran as máscaras. Tras a elaboración, limpadoras municipais desinfectan as máscaras con ozono e as empaquetan en bolsas individuais.

Por outra banda, Protección Civil continúa colaborando no reparto de alimentos de SOS Tomiño-Baixo Miño e na entrega de compras varias, en colaboración coa Concellería de Benestar Social, que dirixe Cristina Martínez; tarefas polas que a concelleira manifesta o seu agradecemento.

Ademais fan reparto dos cadernos de actividades de estimulación cognitiva elaborados pola Asociación de Párkinson Baixo Miño en 22 domicilios.

Novas axudas de emerxencia

O Departamento de Benestar Social vén de aprobar, por terceira vez consecutiva, novas axudas de emerxencia (por alimentos, aluguer, internet, etc.) para 9 familias constituídas por 22 persoas, e por importe de 1340 euros). Asemade, aprobouse a prórroga de alimentos para 5 familias (19 persoas, 680 euros), sumando un total de 2020 euros.

Deste xeito, dende que comezou o Estado de Alarma, o departamento de Benestar aprobou axudas de emerxencia por alimentos para un total de 34 familias, 112 usuarios e usuarias, por un importe de 5800 euros.