Tomiño comeza o traslado provisorio do arquivo municipal para baleirar o edificio da futura biblioteca municipal As tarefas de acondicionamento das novas dependencias de carácter provisional, están rematándose estes días nun local alugado sito no cruce da avenida Gondomar e rúa da Feira

O Concello de Tomiño vén de iniciar o traslado da parte do Arquivo Municipal  que albergaba até o de agora o edificio situado na rúa Colón, a carón do Xulgado de Paz. Dito traslado, dunhas 4.000 carpetas con expedientes, está sendo levado a cabo por operarios municipais cara ás dependencias provisionais (que tamén albergarán en breve o Xulgado de Paz e as oficinas de Aqualia) que pronto estarán operativas. 

As tarefas de acondicionamento das novas dependencias de carácter provisional, están rematándose estes días nun local alugado sito no cruce da avenida Gondomar e a rúa da Feira.

As mesmas terán acceso por ambas as rúas, e albergarán parte do arquivo municipal, até que o edificio da futura biblioteca estea rematado; momento no que os expedientes serán trasladados novamente, aloxándose na planta baixa das novas instalacións, xunto á Aula CeMit e outras dependencias.