Tomiño concede subvencións a asociacións sen fins de lucro por valor de 100.000 euros As bases para as solicitudes veñen de ser publicadas no Boletín Oficial da Provincia

O Concello de Tomiño concederá un ano máis subvencións a asociacións e entidades sen fins de lucro, que realicen actividades no ámbito cultural, deportivo e social da vila. A convocatoria, publicada onte no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, ten coma finalidade apoiar ás entidades que desenvolven actividades para promover a cultura, o deporte ou o benestar social da cidadanía do concello. O monto destinado a estas subvencións é maior que o de anos pasados e ascende a 100.000 euros en total.

No caso das asociacións culturais, veciñais e xuvenís, as subvencións poderán ser solicitadas para financiar actividades ou proxectos que contribúan á promoción e recuperación da cultura e tradicións locais durante o 2019, coma por exemplo, a realización de actividades culturais por asociacións culturais, veciñais e xuvenís; a realización de actividades de recuperación e difusión do patrimonio cultural; a realización de actividades de promoción dos produtos agrícolas ou gastronómicos da zona; as actuacións tendentes á recuperación de espazos naturais e/ou de lecer, etc.

No que se refire ás asociacións deportivas, poderán ser beneficiarias da subvención os clubs e entidades federadas que participen regularmente en competicións oficiais organizadas polas respectivas federacións deportivas. No caso de deportistas individuais, poderán ser beneficiarios da subvención os deportistas do Concello de Tomiño recoñecidos a nivel galego, estatal e internacional. Serán subvencionables os gastos federativos de 2019; gastos de arbitraxe, de transporte e aloxamento relacionados coa asistencia a competicións deportivas; de material deportivo de carácter funxible e vestimenta deportiva, etc.

As entidades de carácter social, pola súa banda, deberá solicitar as axudas para proxectos ou actividades “de especial interese cultural e social” nos que estea xustificado o financiamento municipal. Concretamente o marco de actuación da área de Benestar Social, poderanse subvencionar accións ou actividades de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadán, tales coma proxectos de atención á discapacidade, atención a menores e apoio á dinámica familiar; voluntariado social, atención á inmigración, etc.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente na Sede Electrónica do Concello, ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O prazo para a presentación de solicitudes empeza o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO (é dicir que comeza hoxe) e finalizará no prazo dun mes natural. Esta convocatoria publicarase tamén na páxina web do Concello.

 

.