Tomiño concederá subvencións por valor de 90.000 euros a asociacións sen fins de lucro As bases para as solicitudes veñen de ser publicadas no Boletín Oficial da Provincia e poden consultarse tamén na páxina web do Concello

O Concello de Tomiño concederá un ano máis subvencións a asociacións sen fins de lucro, que realizan actividades no ámbito cultural, deportivo e social no municipio. A convocatoria, publicada onte, martes 27 de abril, ten coma finalidade apoiar a estas entidades, chegando este ano o monto das subvencións a 90.000 euros.

Os organismos poderán recibir, coma vén sendo habitual, o 80% coma máximo, do orzamento presentado.

No caso das asociacións culturais, veciñais e xuvenís, as subvencións poderán ser solicitadas para financiar actividades ou proxectos que contribúan á promoción e recuperación da cultura e tradicións locais durante o ano 2021, coma por exemplo, a realización de actividades culturais por asociacións culturais, veciñais e xuvenís; a realización de actividades de recuperación e difusión do patrimonio cultural; a realización de actividades de promoción dos produtos agrícolas ou gastronómicos da zona; ou aquelas tendentes á recuperación de espazos naturais e/ou de lecer, entre outras.

No que se refire ás asociacións deportivas, poderán ser beneficiarias da subvención os clubs e entidades federadas que participen regularmente en competicións oficiais organizadas polas respectivas federacións deportivas. Tamén deportistas tomiñeses individuais recoñecidos a nivel galego, estatal e internacional, poderán ser beneficiarios destas axudas. Serán subvencionables os gastos federativos de 2021; gastos de arbitraxe, de transporte e aloxamento relacionados coa asistencia a competicións deportivas; de material deportivo de carácter funxible e vestimenta deportiva, etc.

As entidades de carácter social, pola súa banda, deberán solicitar as axudas para proxectos ou actividades “de especial interese cultural e social” nos que estea xustificado o financiamento municipal. Axudas destinadas a promover o benestar social da cidadanía do Concello de Tomiño a través de accións ou actividades de prevención, asistencia, incorporación social, fomento esensibilización da participación cidadán, dentro do ámbito de intervención de Servizos Sociais e que se realicen durante o ano 2021.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente na Sede Electrónica do Concello, ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O prazo para a presentación de solicitudes empezará o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e finalizará no prazo dun mes natural. As bases poden ser consultadas na Sede Electrónica do Concello de Tomiño, no catálogo de “Trámites” dentro do apartado de “Subvencións”.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta o esforzo económico do equipo de goberno para seguir axudando a todas aquelas entidades (e persoas no caso dos deportistas individuais) que traballan polo municipio de xeito desinteresado no eido da cultura, do deporte ou da sociedade.