Tomiño conmemora mañá o Día da Muller cunha concentración e lectura de manifesto diante do Concello Obradoiros de igualdade nos colexios, charlas para alumnado do IES, un novo mural e a obra teatral “Trinta e tantos ósos”, completan os actos organizados para conmemorar o 8 de marzo

Tomiño conmemora mañá o Día da Muller cunha concentración e lectura de manifesto diante do Concello, ás 12.00 horas. Trátase dun sinxelo acto co que o equipo de goberno quere amosar o seu apoio á loita das mulleres pola non discriminación laboral, social, etc., así coma o seu compromiso contra a violencia de xénero.

A programación compleméntase con obradoiros de igualdade nos colexios, charla  sobre educacón afectivo-sexual e novas tecnoloxías para alumnado do IES, un novo mural para salientar o papel das mulleres anónimas e a obra de teatro “Trinta e tantos ósos” (domingo 10 de marzo 18.00h, no auditorio), completan os actos organizados para conmemorar o 8 de marzo.

A Concellería de Cultura, Benestar e Igualdade de Tomiño, continúa en esta programación aplicando o principio de igualdade coma un principio transversal e apostando pola educación. “A comunidade educativa é un dos contextos socializadores por excelencia. Ao seu amparo, alén de adquirir coñecementos, desenvolvémonos como persoas e como parte dun colectivo; os centros educativos son un poderoso escenario no que traballar”, explica Sandra González, alcaldesa de Tomiño e responsable de Educación.