Tomiño conmemora o 8M cunha xornada reivindicativa A presentación dun mural feminista e a difusión dun emotivo vídeo no que participan numerosas tomiñesas foron algunhas das iniciativas desenvoltas

Co gallo da conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Tomiño levou a cabo unha serie de iniciativas coas que visibilizar e reivindicar a importancia de loitar pola consecución da igualdade real entre homes e mulleres. A programación deu comezo o sábado, coa interpretación no Auditorio de Goián da obra teatral Feminíssimas, unha comedia negra e violeta coa amizade e perspectiva de xénero como eixo central, á cal acudiron máis de 60 persoas.

Hoxe fíxose a presentación dun novo mural no Campo de Fútbol do Alivio realizado pola pintora e artista guardesa Gemma Marqués en base a un retrato feito pola recoñecida fotógrafa tomiñesa Pilar Reñones. A artista xa participou en varios dos murais feministas realizados polo Concello de Tomiño durante os últimos anos situados nos campos de fútbol do Alivio e do Regatiño ou en rúas como a do Camiño do Latas, no núcleo do Seixo.

A protagonista do mural é Marga González, histórica e veterana xogadora do Tomiño FC Feminino desde a súa fundación, permanecendo en activo ata os 50 anos e sendo parte da súa directiva na actualidade. Marga estivo vinculada ao deporte durante toda a súa vida e particularmente ao fútbol, o cal practica desde que era unha cativa. Estivo unha etapa tamén no Celta Feminino antes de marchar a traballar para Madrid, onde permaneceu 14 anos antes de volver definitivamente a Tomiño para ligarse á fundación do Tomiño FC Feminino. “A verdade é que iniciativas coma estas fante sentir motivada en con ganas de loitar sobre todo polas rapazas que veñen aí, para que teñan referentes e para transmitirlles os valores da igualdade a través do deporte”, comenta Marga.

Foron tamén partícipes da xornada moitas mulleres de Tomiño, que quixeron amosar a través dun reivindicativo vídeo difundido nas redes sociais as mil razóns polas que celebrar os avances acadados ata agora en materia de igualdade, pero tamén os motivos polos que é preciso continuar loitando para facela efectiva e real, un feito que aínda dista de ser conseguido.

Tamén se levaron a cabo iniciativas en Tomiño por parte de entidades educativas como o CRA Mestre Manuel Garcés, cuxo alumnado creou un xardín de zapatos das súas nais, tías, avoas e demais mulleres que os cativos e cativas consideran referentes na súa vida. O proxecto, titulado “Sementes de Esperanza”, está inspirado na figura de Wangari Maathai, a primeira africana gañadora do Premio Nobel pola súa contribución ao desenvolvemento sostible, a democracia e a paz, e destacada loitadora e activista polos dereitos da muller e da mellora medioambiental, motivo polo cal recibiu o apelativo de “Muller árbore”. Tal e coma se le na pancarta pendurada polo CRA na praza do Seixo, “as nenas e nenos do CRA, ao igual que Wangari, queremos plantar sementes de esperanza por unha igualdade real nos zapatos das mulleres máis importantes nas nosas vidas”.