Tomiño conmemora o Día do Neno e da Nena Pequenos/as de Vila Nova de Cerveira e Tomiño expresan as súas necesidades, preocupacións e intereses nun vídeo realizado en colaboración coa fundación Crecer Xogando

O Concello de Tomiño conmemora o Día do Neno e Nena, que se celebra hoxe, con distintas actividades.

Ao contacontos que ofertou a Concellería de Cultura o pasado sábado da man da compañía XAROPE TULÚ co seu espectáculo “Estrafalaria”, unha peza que fala do feito de ser diferentes como unha experiencia enriquecedora, súmase unha lona alusiva na fachada da Casa do Concello e a publicación dun vídeo nas redes sociais e páxina web do Concello; un bonito traballo audiovisual no que participan nenos e nenas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira.

 

Este último é unha iniciativa da Fundación Crecer Xogando para celebrar a actitude responsable e resiliente dos nenos e nenas durante o confinamento, enfrontándose de xeito exemplar á incerteza e transformación das súas rutinas (escola, amizades, actividades deportivas, culturais e de lecer…). O seu comportamento exemplar foi determinante para a contención da pandemia. Enlace vídeo: https://www.facebook.com/concellodetomino/videos/402604844743470

Este día é para concederlle todo o protagonismo á infancia; un día para fomentar o xogo e a lectura, a arte e o deporte. Un día no que decidan as e os peques o que queren facer. Un día no que poñamos o foco na súa felicidade, todo asociado a valores como a tolerancia, a igualdade e a integración”, lembran dende a Concellería de Cultura que dirixe Ani Fernández Carrera.

O Concello de Tomiño, con selo CAI de UNICEF e co Consello da Infancia e Adolescencia, adhírese á celebración desta data, xa que “non só pensamos nos nenos e nenas neste día, senón durante todo o ano, ofrecéndolles actividades deportivas, culturais e de lecer de calidade”, apuntan.

O concello de Tomiño é unha das máis de 1.500 entidades, que se suman á celebración do 26 de abril DÍA DO NENO E DA NENA (https://xn--diadelnio-s6a.es/organizaciones-involucradas/).