Tomiño conmemora o Día Internacional do Cancro Infantil coa obra “Ás para Álex” de Baobab Teatro A función terá lugar o domingo 20 de febreiro no Auditorio de Goián (17.30h). Ás entrada poranse á venda unha hora antes da función.

A acción busca mobilizar a conciencia para avanzar na prevención e na investigación, facendo un chamamento á participación e o compromiso social

O Concello da Tomiño sumarase á conmemoración do Día Internacional do Cancro Infantil (15 de febreiro), coa obra “Ás para Álex” de Baobab Teatro; unha función que terá lugar no Auditorio de Goián o vindeiro domingo, 20 de febreiro ás 17.30 horas. A entrada para esta actividade, destinada a público familiar con nenos/as a partir de 5 anos, será de 3 euros para as persoas adultas e 1,5 para menores de 12 anos.

O 15 de febreiro conmemórase o Día Internacional do Neno con Cancro, unha data proclamada en Luxemburgo, grazas á Organización Internacional de Cancro Infantil.

O obxectivo é crear conciencia e sensibilizar ás persoas sobre unha enfermidade que lamentablemente afecta a moitos nenos e novos.

Así mesmo, para axudar ás súas familias a que os seus fillos teñan un diagnóstico oportuno e o debido tratamento. Segundo o informe do “Observatorio do cancro” cada ano hai ao redor de 1000 cancros novos en pacientes menores de 14 anos.

“Dende o concello de Tomiño queremos expresar o noso apoio e solidariedade na loita contra o cancro a través do espectáculo ÁS PARA ÁLEX de Baobab Teatro”, explica a concelleira de Benestar, Cristina Martínez.

“Ás para Álex” é un espectáculo de teatro e monicreques recomendado para nenas/os a partir de 5 anos, cunha duración de 45 minutos.

Álex ten oito anos e, coma a calquera neno da súa idade encántalle correr, xogar, quedar coas súas amigas e amigos, ir ao parque, xogar ao fútbol que é a súa paixón. Pero un día  ten que deixalo todo, porque o seu corpo non responde e, coma calquera neno, Álex enfádase co mundo e asáltanlle moitas preguntas. Ata que un día  aparece Laura e sen pedir permiso entra de cheo na súa vida para axudarlle a mudar a mirada.

Trátase dunha peza teatral comprometida, divertida e cargada de verdade e tenrura, que toca unha temática moi delicada: “o cancro infantil”. Tamén amosa a necesidade de ter un sentimento de esperanza como unha menciña máis para superar esta enfermidade, e a importancia de atopar persoas que nos axuden a soñar.

Ás entrada poranse á venda unha hora antes da función na taquilla do auditorio.