Tomiño conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente cunha semana de conferencias, obradoiros e exposicións temáticas O vindeiro sábado terá lugar o acto de entrega de premios do II Concurso de Composición Artística sobre a Eficiencia Enerxética e a Economía Circular, no que participou alumnado dos distintos centros educativos

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, o Concello de Tomiño celebrará entre o 2 e o 5 de xuño a segunda Semana do Medio Ambiente “Tomiño Natural 2022” centrada fundamentalmente na eficiencia enerxética e na economía circular.

Organizada polas Concellalías de Medio Ambiente e Servizos Públicos que dirixen Ana Belén Casaleiro e Lois Vázquez, respectivamente, haberá diferentes conferencias, obradoiros temáticos e exposicións. “O noso obxectivo é achegar á cidadanía, a necesidade de coidar o noso medio e isto é un concepto moi amplo que ten moitas dimensións, por iso cada ano se adica a algún tema en concreto. Este ano adicamos esta semana a crear conciencia sobre a importancia de traballar pola eficiencia enerxética, optimizando os recursos que temos, e coñecer máis sobre o concepto de economía circular”, explica a concelleira.

Nesta semana tamén se involucrou dunha forma especial o Consello de Infancia e Adolescencia “Voces Novas”, levando a cabo unha campaña audiovisual, para as redes sociais.

O xoves 2 de xuño ás 20.00 horas, no Salón de Plenos do Concello, terá lugar un faladoiro de “Enerxía e clima” e un obradoiro sobre a factura eléctrica, a cargo de persoal técnico de ISENER (Instituto de Sostibilidade Enerxética).

O venres 3, á mesma hora e lugar, charla sobre “Eficiencia enerxética nos fogares”, impartida por Alejandro Martínez García, arquitecto técnico, enxeñeiro da edificación e Máster en Enerxía e Sostibilidade.

O sábado 4 ás 11.00h, tamén no Salón de Plenos, Miguel Rodríguez Méndez, profesor titular de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e colaborador na Estratexia Galega de Economía Circular 2030, ofrecerá a charla “Economía circular para a cidadanía”.

Ás 12.30h, na Praza do Seixo, a carón do Concello, terá lugar o acto de entrega de premios do II Concurso de Composición Artística sobre a Eficiencia Enerxética e a Economía Circular, no que participou alumnado de distintos centros educativos do municipio.

Foron 15 os traballos presentados que se colocaron nos puntos de información municipal (MUPIS) repartidos polas parroquias. Nas tres categorías propostas (benxamín, infantil e xuvenil) haberá dous premios:

Un 1º, consistente nun día para desfrutar en grupo, na granxa escola Corazón de Carballo, con actividades adaptadas ao grupo de idade, e detalle individual. E un 2º cun agasallo-detalle individual.

Paralelamente, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, na mesma praza, organizaranse obradoiros de reciclaxe de roupa coa colaboración da Sociedade Cooperativa ALALÁ, nos que se aprenderá a reutilizar prendas vaqueiras e a darlle unha segunda oportunidade á roupa en xeral (as persoas que desexen poden levar unha camiseta vella para reutilizar).

Ademáis, nesta xornada, anímase a toda a veciñanza a unha “Quedada en bicicleta”, “a todos os que veñan en bici regalarémoslle unha peza de froita”, confirman os edís.

Xa o domingo 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, entre as 10.00 e as 14.00 horas, levarase a cabo na Alameda de Goián, unha recollida de lixo organizada polo Grupo de Voluntariado da OMIX.

Ademais, dende o 30 de maio até o 5 de xuño, o Mercado Municipal de Tomiño acollerá a exposición “Cambio climático. O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción” producida polo CEIDA e polo INEGA (Institudo Enerxético de Galicia) e que pretende dar a coñecer o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia.