Tomiño conmemorou o Día da Muller cunha concentración e lectura do manifesto diante do Concello Obradoiros de igualdade nos colexios, charlas para alumnado do IES, un novo mural e obras de teatro, completan os actos organizados para conmemorar o 8 de marzo

Tomiño conmemorou o Día da Muller cunha concentración e lectura de manifesto diante do Concello, á que asistiron numerosas persoas. Foi un sinxelo acto co que o equipo de goberno quere amosar o seu apoio á loita das mulleres pola non discriminación laboral, social, etc., así coma o seu compromiso contra a violencia de xénero.

A programación compleméntase con obradoiros de igualdade nos colexios, charlas sobre educacón afectivo-sexual e novas tecnoloxías para alumnado do IES, un novo mural para salientar o papel das mulleres anónimas e a obra de teatro “Trinta e tantos ósos” (representada onte domingo no auditorio), completan os actos organizados para conmemorar o 8 de marzo.

A Concellería de Cultura, Benestar e Igualdade de Tomiño, continúa en esta programación aplicando o principio de igualdade coma un principio transversal e apostando pola educación. “A comunidade educativa é un dos contextos socializadores por excelencia. Ao seu amparo, alén de adquirir coñecementos, desenvolvémonos como persoas e como parte dun colectivo; os centros educativos son un poderoso escenario no que traballar”, explica Sandra González, alcaldesa de Tomiño e responsable de Educación.