Tomiño consigue dúas Flores de Honra polo seu traballo na mellora do espazo verde urbano A alcaldesa agradeceu a distinción do xurado de Vilas en Flor, comentando que este premio é un aliciente para seguir a traballar na mesma liña

O xurado de Vilas en Flor de Galicia, un programa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes, distinguiu ao Concello de Tomiño coma “Vila en Flor 2019”, concedéndolle dúas Flores de Honra, “polo seu traballo na mellora do espazo verde urbano”.

O acto, ao que asistiu a alcaldesa Sandra González, foi celebrado na Cidade da Cultura, coa participación de 16 concellos de toda a comunidade, entre eles Allariz, Ortigueira, Culleredo, Mondoñedo, Portomarín, Caldas de Reis, Salvaterra e A Guarda.

No caso de Tomiño, o xurado valorou a remodelación urbana do núcleo urbano do Seixo e as perspectivas de axardinamento das novas rúas, ademais de salientar o entorno medio ambiental e paisaxístico no que se sitúa a vila. O río Miño, coma elemento diferenciador do territorio transfronteirizo; a comarca do Baixo Miño, unha das zonas máis fértiles de Galicia, onde abundan os viveiros e a súa proxección empresarial e onde se celebra cada ano a Mostra de Cultivos, foron tidas moi en conta á hora de conceder o galardón a Tomiño, así coma iniciativas de recuperación e promoción do patrimonio paisaxístico como “Cultivando Paisaxes”, unha proposta da Fundación Xavier Pousa coa que dar a coñecer mediante distintas intervencións nas estradas, a produción de flor e planta ornamental.

A alcaldesa agradeceu a distinción, comentando que “Tomiño ten aínda moito que facer na mellora dos espazos verdes públicos dos núcleos urbanos, asegurando que este galardón é un aliciente para seguir traballando nestes temas”.

Vilas en Flor é un programa anual, xurdido en 2018 á iniciativa da Fundación Juana de Vega, Asociación de viveiristas de Galicia (ASVINOR) e da Asociación Galega de Empresas (AGAEXAR). Trátase dun proxecto de carácter internacional apoiado pola Xunta de Galicia, que pretende por en valor a mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a xestión sostible dos mesmos e a concienciación cidadá no coidado do medio ambiente.