Tomiño constitúe a Mesa contra a Violencia de Xénero Para traballar de forma coordinada dende distintos ámbitos

Na reunión estiveron ademais das autoridades locais, representantes da Secretaría Xeral da Igualdade, Xefatura de violencia de xénero da Subdelegación de Goberno en Pontevedra, e de Igualdade da Deputación de Pontevedra.

Á iniciativa da Oficina de Igualdade da Concellería de Servizos Sociais, o Concello de Tomiño acolleu hoxe a Mesa Local Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, co fin de facer dela un instrumento operativo para favorecer a coordinación de todos os organismos e departamentos implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, dende a súa prevención e detección, ata o tratamento e seguimento posteriores.

Participaron a Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella; a xefa de violencia de xénero da Subdelegación de Goberno en Pontevedra, Mª Paz Pérez Asorey, e a xefa de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Lucía Muradas Arcay, convidadas polo Concello de Tomiño, a través da Oficina de Igualdade Municipal. A alcaldesa Sandra González, presidiu a Mesa, na que tamén estiveron a concelleira de Servizos Sociais, Cristina Martínez e membros deste departamento, así coma da Oficina de Igualdade, OMIX e Educación; representantes locais de centros educativos, sanitarios e xudiciais, da Policía Local e Guarda Civil, e do Centro de Emerxencia para Mulleres vítimas da Violencia de xénero e CIM da Guarda.

A secretaria xeral de Igualdade comezou por manifestar a súa satisfacción pola constitución dunha nova Mesa no Sur da provincia. Salientou a importancia de traballar xuntos e coordinados Concello, Xunta e Deputación, dende os diferentes ámbitos implicados no tema da violencia de xénero (sector sanitario, forzas de seguridade, traballadores sociais, etc.). “A descoordinación custa vidas, a coordinación non”, dixo López Abellá. No caso do rural, e de Tomiño especialmente, “súmase o problema da gran dispersión poboacional existente e as características derivadas de ser territorio transfronteirizo, polo que a labor de coordinación debe ser aínda maior que noutros lugares”, indicou.

A alcaldesa de Tomiño coincidiu coa secretaria xeral, referíndose tamén á importancia da prevención e salientando a necesidade de denunciar, polo que pediu un protocolo de actuación máis áxil e simplificado que o que se aplica moitas veces, vitimizando ás mulleres en lugar de protexelas.

A rexedora local informou que a vontade do Concello é celebrar esta Mesa cada seis meses, de maneira de manter un diálogo “fluído e permanente” entre as forzas implicadas na loita contra a violencia.

O sarxento comandante do posto da Guarda Civil de Tomiño, Pablo Piñeiro, referiuse á situación actual da violencia de xénero no municipio, comentando que os casos van en aumento e salientando a necesidade de asesorar legalmente ás mulleres no momento de preparar a denuncia, porque este é un dos problemas que retrasan os trámites, así coma a falta de habilidades sociais e o medo en outros casos.