Tomiño consulta a opinión veciñal sobre o seu terceiro Plan de Igualdade A enquisa, que estará aberta até o 15 de agosto, pretende coñecer a valoración que a cidadanía fai das accións levadas a cabo e recoller suxestións de mellora

A Concellería de Igualdade do Concello de Tomiño vén de colgar na web municipal unha enquisa dirixida á cidadanía co obxectivo de coñecer a opinión e valoración que a mesma ten sobre as accións levadas a cabo neste eido.

“Dado que é fundamental coñecer as necesidades do noso Concello a fin de articular ferramentas e medidas efectivas de traballo, é de vital importancia a participación de axentes sociais, polo que até o 15 deste mes está a disposición de aquelas asociacións e entidades sociais, deportivas, veciñais, culturais, ANPAS, Comunidades de montes e augas… unha enquisa para que dende ditas entidades e de xeito anónimo participen achegando ideas”, explica a concelleira da área, Cristina Martínez.

A enquisa tenta recadar información sobre que actividades das xa celebradas foron as máis relevantes, como se valora o traballo colaborativo realizado até o momento, que áreas de acción considera prioritarias, etc.

Por mor da precaución e cumprimento das normas sanitarias optouse por este xeito virtual de participación, evitando así os riscos derivados das reunións presenciais.

Trátase de realizar unha avaliación externa do 3º Plan de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes do Concello de Tomiño 2017-2020.

“Dita avaliación contempla unha metodoloxía indagatoria e participativa, polo que precisamos coñecer, de xeito anónimo, a valoración dos diferentes departamentos e axentes sociais que dalgún modo colaboraron e/ou participaron na execución do mesmo. Dende esta perspectiva, a súa colaboración cumprimentando este cuestionario é parte esencial do proceso de avaliación”, comenta a concelleira.

O 3º Plan de Igualdade estruturouse en 3 áreas estratéxicas (sensibilización e participación; emprego e conciliación e eliminación da violencia machista), 9 obxectivos específicos e 42 accións. A enquisa está dispoñible na páxina do concello a través da ligazón: https://tomino.gal/3-plan-de-igualdade/

Unha vez rematada a avaliación, o Concello elaborará o 4º Plan Integral de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes de Tomiño 2021-2024. Ambas iniciativas contan cun orzamento de 6.500 euros, dos que 4.613 son financiados pola Deputación de Pontevedra ao abeiro da convocatoria de subvencións para municipios da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes para o fomento de igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para o ano 2021.